O BNG volve reclamar que se adecúe a praza do mercado de Monte Alto
A Coruña, 12 de xaneiro de 2014.- O BNG alédase de que o Goberno municipal anove o deteriorado elevador do mercado de Monte Alto, despois de denunciar a súa situación en reiteradas ocasións e de incluílo entre as reclamacións das nacionalistas aos orzamentos municipais, mais lémbralle ao sr. Negreira que adecente a praza do mercado que se anega cada vez que chove.
As nacionalistas reiteran que o firme da praza do Mercado está cada día en peor estado. Así cando chove, as pozas que se crean duran días o que motiva que a praza non poida ser empregada como espazo público ou que as veciñas e veciños teñan que levar pranchas de cartón para pór baixo os pés co fin de illalos da auga. Ademais o BNG alude á caída de pluviais nos espazos de descanso da praza e pide que se habilite unha zona de xogos, xa que a actual zona infantil está inservíbel.