As obras de restauración da Torre seguen esperando a que o PP se poña de acordo na Coruña e Madrid
A Coruña, 26 de xuño de 2014- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que despois da obra pantasma realizada na Torre de Hércules no 2012, unha actuación que levou o Goberno do Sr. Negreira a pechar durante 5 meses o espazo máis emblemático e único da cidade e que serviu de desculpa para botar á rúa 14 traballadores, o Concello non realizou ningunha outra obra no monumento. Isto debeuse a que o Ministerio lle denegou ao Goberno do Sr. Negreira a axuda que pediu en 2013, razón pola cal a Xunta de Goberno Local acordou hoxe volver solicitar a subvención ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para proxectos de conservación, protección e difusión de bens declarados patrimonio da humanidade correspondentes a 2014.
Neste contexto, o BNG expresa o seu desexo de que o PP se poña de acordo en ambas as administracións para que as obras poidan acometerse canto antes, sobre todo en conta que o expediente da Xunta de Goberno Local recoñece que dadas as deficiencias observadas no mantemento do edificio faise necesario realizar actuacións sobre o monumento.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a falta de obras de restauración sexa moi probabelmente unha das variábeis que inciden no descenso de visitantes na Torre de Hércules, que pasou dos 149.000 visitantes en 2009 a 116.000 visitantes en 2013, tal e como se recolle na seguinte táboa.
2009 2010 2011 2012 2013
Nº visitantes 149.000 139.000 131.000 83.000 (*) 116.000
(*) No 2012 o PP mantivo pechada, coa desculpa dunhas obras inexistentes, a Torre de Hércules 5 meses