O BNG traslada o seu apoio aos traballadores da fábrica de armas pechados na planta da Coruña
A Coruña, 26 de febreiro de 2013.- O BNG da Coruña traslada o seu apoio e solidariedade aos traballadores pechados na fábrica de armas, que esta mañá iniciaron un paro de 48 horas. Así, as concelleiras do Grupo Municipal do BNG, acompañadas da responsábel comarcal, Silvia Seixas, visitarán na tarde de hoxe aos traballadores mobilizados na planta que General Dynamics ten na Coruña.
O BNG esíxelles ás distintas Administracións que fagan todo o posíbel por evitar o peche da planta da Coruña e reclámalles todo o apoio posíbel aos empregados. Engaden que a Xunta de Galiza tamén ten que actuar, dado que o único centro de traballo de todo o Estado que vai pechar General Dynamics é o da nosa cidade.
As nacionalistas tamén apelan á implicación do Goberno central. Salientan que o Ministerio de Industria e tamén o de Defensa teñen moito que dicir, xa que a venda da Empresa Nacional Santa Bárbara a General Dynamics tivo lugar baixo uns compromisos que a compañía multinacional non cumpriu e os terreos en que se asenta a planta da Coruña son propiedade do Goberno central.