O BNG ve inconcebíbel que o Goberno municipal encareza 6 céntimos o talón restaurante
A Coruña, 7 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG amosa o seu rexeitamento á suba de seis céntimos do talón restaurante, aprobada esta mañá na Xunta de Goberno Local. Mentres que o pasado ano o Concello financiaba 3,50 euros dun menú de máximo 7 euros, este ano o Concello financiará 3,56 euros dun menú de máximo 7,12 euros. Isto significa que, mentres as persoas beneficiarias pagaban o ano pasado 3,50 euros este ano terán que pagar 3,56 euros, 6 céntimos máis.
As nacionalistas lamentan que o Goberno municipal faga recaer o peso da crise nas persoas máis desfavorecidas, como é o caso da meirande parte das persoas usuarias do talón restaurante. Este encarecemento súmase ao incremento do prezo do bus, que lles subiu en maior proporción ás persoas con bonobús social, ou á suba do recibo da auga, ademais do aumento do IVE, do butano, do gas ou da electricidade.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira continúe co mesmo sistema de talón restaurante que implantou o pasado ano, cuns baremos de acceso que limitan e endurecen o acceso ao número de bonos. As nacionalistas opóñense ao baremo e consideran que todos os usuarios e usuarias que cumpran os requirimentos deberían poder ter acceso aos bonos restaurante.