O BNG esíxelle ao Goberno municipal unha actuación inmediata contra os desafiuzamentos
A Coruña, 7 de febreiro de 2013.- A concelleira nacionalista Avia Veira participou esta mañá na concentración convocada por STOP DESAHUCIOS en apoio a Aurelia, unha anciá de 85 anos que leva 40 vivindo nun piso de aluguer na rúa Padre Feijóo e que vai ser desafiuzada. A concelleira do BNG esíxelle ao Goberno municipal responsabilidade e que actúe de xeito inmediato para evitar os desafiuzamentos que están a ter lugar na nosa cidade.
Veira pon de manifesto que poden adoptarse medidas desde o eido municipal, tal e como recollía o BNG nunha moción que foi tombada polo PP no Pleno ordinario de decembro. "Só fai falta vontade", sinala a concelleira do BNG. Nesta iniciativa, elaborada conxuntamente con STOP DESAHUCIOS e ARQUITECTOS SEN FRONTEIRAS, as nacionalistas propuñan crear unha Comisión Especial para atender casos de desafiuzamentos, composta por técnicos municipais, portavoces municipais e plataformas contra os desafiuzamentos. Esta comisión estudaría a posibilidade de axudas ao aluguer e de axudas para evitar o corte de subministros básicos como auga, gas ou luz e axudas á alimentación.
Ademais, a moción reclamaba que se lles esixise ás entidades bancarias a paralización dos desafiuzamentos en marcha e a súa colaboración coa Comisión Municipal creada para Casos de Desafiuzamento. E, no suposto de falta de colaboración de entidades bancarias co Concello proceder, na medida que for posíbel e non prexudicar os veciños e veciñas, a prescindir dos servizos que as mesmas poidan prestar ao Concello.
A inciativa do BNG, que o PP non deixou debater, incluía actuacións alén do eido municipal, como a dación en pago, a modificación da Lei Hipotecaria, con carácter retroactivo, e da Lei de Enxuiciamento Civil, o aluguer social da vivenda, a posibilidade de converter a hipoteca nun aluguer, un fondo económico especial, unha bolsa de vivenda social ou unha oficina de asesoramento, entre outras medidas.
No mesmo Pleno que tombou a moción do BNG, con STOP DESAHUCIOS e ARQUITECTOS SEN FRONTEIRAS, o PP aprobaba a súa propia moción, que nin recollía a dación en pago
Nese mesmo Pleno ordinario de decembro, o PP sacou adiante a súa propia moción sobre os desafiuzamentos, presentada minutos antes de comezar a sesión plenaria, que non se comprometía, nin sequera, a dación en pago. As nacionalistas non apoiaron a moción do PP polo escaso contido e por non estar nin consultada coas plataformas que traballan contra os desafiuzamentos.
Pola outra banda, Avia Veira acusa o Goberno municipal de non facer nada para cumprir o acordo da moción do BNG aprobada por unanimidade no Pleno ordinario de outubro de 2011, que reclamaba a dación en pago e a moratoria no pagamento. "De tomar medidas no asunto e de non mirar cara outro lado, o Goberno municipal podería evitar casos como o de Aurelia", sinala Veira, quen lle esixe ao Sr. Negreira "reaxir de inmediato".