O BNG rexeita participar no acto solemne do alcalde polo día do libro: a reposición dunha escultura
A Coruña, 23 de abril de 2013.- As concelleiras do Grupo Municipal do BNG néganse a participar do acto central do Goberno do Sr. Negreira con motivo do Día do Libro: un acto solemne para "celebrar" o amaño dunha escultura que se rompera, unha obra de Manuel Buciños que foi retirada o 20 de setembro del 2011; é dicir, hai case 20 meses. A concelleira nacionalista María Xosé Bravo lamenta que o Goberno municipal, dado a convocar roldas de prensa e celebrar actos até para plantar unha árbore, non dote da importancia que merece o Día do Libro, unha xornada, sinala, que desde que o PP ocupa a Alcaldía é para esquecer.
A edila do BNG advirte de que o balance do Goberno municipal á fronte de Cultura é desolador: 1 biblioteca pechada, a supresión do Achegarte, a diminución de xeito continuado das partidas destinadas ás actividades culturais nas bibliotecas e para a compra de libros, a diminución da achega á Agrupación de Libreiros para a organización da festa do libro e a eliminación da feira da poesía, dos cafés literarios ou das exposicións. A isto súmase, salienta, a falta de apoio que sofren as asociacións culturais, como a Fundación Manuel María, á que o Goberno municipal lle retirou as axudas ou a AC Alexandre Bóveda, e a rebaixa nas partidas que desde as bibliotecas se xestionan, de cara a seguir sendo o recurso principal da cidadanía para conseguir niveis igualitarios no acceso á cultura.
Lembra Bravo que a partida destinada a mercar prensa, revistas, libros e outras publicacións diminuíron coa chegada do PP, ao pasar de 134.256 euros no 2011, co BNG á fronte da área de Cultura, a 100.000 no 2013. O mesmo acontece coa partida destinada ás actividades culturais das bibliotecas, unha partida que pasou de ter 92.687 nos orzamentos de 2011, co BNG á fronte de Cultura, a ter 68.841 nestes orzamentos para 2013.