O BNG sumarase ás mobilizacións d@s traballador@s de Teleperformance e d@s desaloxad@s do Ofimático
A Coruña, 30 de maio de 2013.- O BNG da comarca da Coruña sumarase ás mobilizacións que terán lugar no día de mañá, venres, contra os despedimentos en Teleperformance, e en apoio ás persoas desaloxadas do Ofimático. Así, as nacionalistas apelan á participación das coruñesas na manifestación que terá lugar contra os despedimentos en Teleperformance, dada a decisión de Gas Natural Fenosa de eliminar a atención ao cliente de Unión Fenosa Comercial, que prestaba, até o de agora, a empresa Iberphone SAU (Teleperfomance). O Comité de Empresa ten convocada unha nova xornada de folga parcial para mañá, de 12h a 14h e de 18h a 20h. A manifestación sairá ás 12h desde as instalacións de Teleperformance na rúa Newton 5 até a Oficina de Atención Presencial de Gas Natural Fenosa na rúa Fernando Macías 4.
Ademais, o BNG participará na mobilización convocada por Stop Desafiuzamentos en apoio ás persoas desaloxadas do Ofimático, unha manifestación que partirá ás 13.30h desde o edificio Proa (R/ Enrique Mariñas Romero), pasando pola Avda. Alfonso, até rematando na Igrexa de Eviña (na R/ Antonio Insua Rivas). Precisamente, o Grupo Municipal do BNG formulará no Pleno do xoves unha pregunta oral para coñecer a solución que ten previsto darlle o Goberno do Sr. Negreira ás persoas expulsadas do Ofimático unha vez boten abaixo as súas vivendas. Así, as nacionalistas procurarán que o Goberno municipal se posicione de xeito claro para evitar seguir prexudicando as persoas desaloxadas e para evitar seguir favorecendo as promotoras, que son as que están a marcar o ritmo de execución das obras de urbanización do Ofimático.