O BNG solidarízase coas e cos traballadores de Alcoa
A Coruña, 28 de novembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG considera vergoñenta a decisión da empresa Alcoa e un ataque aos dereitos dos traballadoras/es ao impedir, na práctica, o desenvolvemento do paro, establecendo uns servizos mínimos de case o 100 %.
O Grupo Municipal do BNG traslada a súa solidariedade ao cadro de persoal de Alcoa após un ataque máis da empresa aos seus dereitos
A folga, convocada polo Comité de empresa de Alcoa Inespal no departamento de electrólise, e que o mesmo cadro de traballadores desconvocou debido ao boicot da empresa que estableceu uns servizos mínimos do 100 % o cal obrigaría a traballar ao persoal do departamento como se se tratara dunha xornada habitual, foi convocada contra a intención da empresa de aplicar unha modificación substancial das condicións de traballo ao persoal do departamento de electrólise de maneira arbitraria, sen negociación de ningún tipo e de xeito inmediato.
O BNG, como en ocasións anteriores, sinala o seu compromiso inequívoco coas traballadoras e traballadores de Alcoa. A última a mediados deste mesmo mes defendendo no Parlamento de Galiza unha Proposición non de Lei (e contra a que votou o Partido Popular) para manter o emprego e a produción na planta da Coruña (e tamén de San Cibrao), e na que se demandaba ao Goberno do Estado a modificación do marco regulador da enerxía eléctrica.
As nacionalistas consideran vergoñenta a imposición duns servizos mínimos de case o 100% e que obrigou á desconvocar a folga prevista para estes días
As nacionalistas sinalan que a fábrica da Coruña viu reducida a súa produción nun 30 % e sufriu un recorte no seu cadro de persoal do 40 % nos últimos anos, polo que se ten demostrado sobradamente que actuación patronal responde só aos seus propios intereses, e como así amosa o boicot da empresa coa imposición destes servizos mínimos, polo que lembran a iniciativa aprobada por unanimidade no último debate sobre o estado da Nación na quen se demandaba a Alcoa o compromiso de manter a actividade produtiva e a totalidade dos postos de traballo.
É intolerábel seguir permitindo as prácticas chantaxistas de multinacionais, con ataques frontais contra os dereitos dos/as traballadores/as como o exercicio do dereito fundamental de folga, e máis tendo en conta que Alcoa obtivo un beneficio de 220 millóns de euros no primeiro semestre do ano, os seus maiores beneficios dende 2011, ao tempo de non ter ningún reparo en pechar e trasladar a súa produción para seguir engordando a súa conta de resultados, ou mesmo introducir en Galiza metal fabricado en Arabia Saudí conclúen as nacionalistas.