O Sr. Negreira permite que a Xunta vampirice o orzamento de Servizos Sociais

O Sr. Negreira permite que a Xunta vampirice o orzamento de Servizos Sociais

A Coruña, 17 de outubro de 2014- A Xunta de Goberno Local aprobou no día de hoxe a subscrición dun convenio co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar que implica que o Concello da Coruña lle teña que pagar á Xunta 315.864 euros polos centros de día de Eirís e de Monte Alto, cuxa xestión é privada. O Grupo Municipal do BNG, que advirte de que o Concello nunca lle pagara á Xunta por estes centros de día, considera unha estafa este convenio tendo en conta a progresiva diminución da axuda que a Xunta de Galiza lle transfire cada ano ao Concello da Coruña para persoal, mantemento e xestión dos programas de Servizos Sociais.

As nacionalistas denuncian que por culpa deste novo agasallo do Sr. Negreira á Xunta de Galiza, os orzamentos da Concellaría de Servizos Sociais do ano 2014 (que só eran 253.000 euros maiores que os de 2013) fican cun saldo negativo de –62.864 euros respecto dos orzamentos que posuía en 2013. Deste xeito, as falsidades propagandísticas que lanza o Partido Popular sobre os orzamentos de Servizos Sociais caen polo seu propio peso.

A Xunta de Galiza pasou de darlle ao Concello 1.092.397 euros para financiar os servizos sociais en 2010 a darlle só 569.834 euros en 2013

O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Sr. Negreira considere o Concello da Coruña “o parvo útil” e agasalle a Xunta con 315.864 euros cando o Goberno de Feijóo lle mete a tesoira á axuda para financiar os servizos sociais comunitarios. Así, o Plan Concertado sufriu unha diminución do 52%. E é que a Xunta de Galiza pasou de darlle ao Concello 1.092.397 euros para financiar os servizos sociais en 2010 a darlle só 569.834 euros en 2013. Un goberno normal, que defende o interese da súa veciñanza, teríase rebelado; porén, o que se lle ocorre ao Sr. Negreira é regalarlle 315.864 euros á Xunta de Galiza, critican as sinalan as nacionalistas.

 

O Sr. Negreira permite que a Xunta vampirice o orzamento de Servizos Sociais