Carballada: "O PP é cómplice directo do roubo ás persoas estafadas polas preferentes"

Carballada: "O PP é cómplice directo do roubo ás persoas estafadas polas preferentes"

 

A Coruña, 24 de abril de 2013.- O responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, que participou na tarde de hoxe nun reparto de material informativo sobre a estafa das preferentes ao longo do Cantón pequeno, onde está situada a sede do Partido Popular, puxo de manifesto, en declaracións aos medios, que o PP “é cómplice directo do roubo ás máis de 60.000 persoas estafadas pola fraude das preferentes e subordinadas”. Lembrou que a maioría absoluta do PP no Congreso, cos votos dos cinco deputados pola Coruña, entre eles, Juan De Dios Ruano, o que fora concelleiro e nº5 da lista encabezada por Carlos Negreira, ou o cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Antonio Erias, deu luz verde, o pasado 11 de abril, ao real decreto 6/2013 que estabelece a quita ás preferentes e subordinadas e que supón un verdadeiro atraco sobre os aforros das miles de persoas afectadas na nosa cidade.

 

 

“A día de hoxe, a problemática agravouse aínda máis, por mor da decisión do Goberno de Mariano Rajoy de proceder a unha quita sobre os aforros das persoas atrapadas en preferentes e subordinadas, o que representa un auténtico roubo a estes pequenos aforradores”, sinalou Paulo Carballada. En Galiza, advertiu, este saqueo “vai significar a expropiación duns 600 millóns de euros”, cartos que serán transferidos desde os petos das persoas para esas mesmas entidades bancarias que os estafaron. “Así é como entende o PP que se debe dar solución a unha estafa en toda regra como a das participacións preferentes e obrigas subordinadas”, salientou.

 

 

 

O responsábel comarcal do BNG puxo de manifesto que a formación frontista está a mobilizarse ao longo do país na defensa destas persoas estafadas pola usura bancaria e agredidas por uns gobernos do PP, en Madrid e Galiza, pregados aos intereses da banca e submisos ante os ditados da Troika. Insistiu en que para o BNG “a única solución pasa pola devolución íntegra dos aforros en líquido, e non en produtos financeiros”.

 

 

Ademais de levar á rúa a voz das persoas estafadas, o BNG, tal e como vén facendo até o de agora, levará ás institucións en que ten representación iniciativas para pórlle fin a un roubo do que é cómplice o Partido Popular. Precisamente, as nacionalistas xa presentaron no Concello da Coruña, e farano no resto dos Concellos da comarca, unha moción para solicitar a retirada do Real Decreto 6/2013 que autorizou as quitas, ademais da reprobación de 15 deputados e deputadas do PPdeG que o avalaron co seu voto. Así, as nacionalistas solicitarán en Pleno declarar “persoa non grata” o ex concelleiro da Coruña, Juan De Dios de Ruano, número 5 da lista do Sr. Negreira, e os outros 14 deputados e deputadas do PP que votaron a favor da validación deste real decreto.

 

Carballada: "O PP é cómplice directo do roubo ás persoas estafadas polas preferentes"