O BNG e Galiza, Mellor sen Touradas piden a non renovación do contrato da feira taurina

O BNG e Galiza, Mellor sen Touradas piden a non renovación do contrato da feira taurina

A Coruña, 20 de xuño de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira reclamou esta mañá en rolda de prensa a non renovación do contrato da feira taurina “por ser innecesario, por supor un dispendio de cartos públicos e porque a empresa incumpriría os pregos de condicións”. A nacionalista reivindicou que o Goberno municipal destine os 90.000 euros malgastados nas touradas para programas de fomento do emprego. “A feira taurina non é unha demanda cidadá, o que pide a cidadanía é traballo”, salientou a edila nacionalista, que estivo acompañada polo responsábel de Galiza, Mellor sen Touradas.

A edila do BNG fixo alusión ao escurantismo que mantén o Goberno municipal sobre as touradas. Sinalou que esta opacidade “ten a ver co rexeitamento que provoca a feira taurina entre a xente, por iso, o Sr. Negreira financia as touradas con cartos públicos pola porta de atrás”.

Incumprimentos do prego de condicións

Na rolda de prensa, Avia Veira tamén se referiu aos incumprimentos da empresa en relación á data en que ten que entregarse o cartel e en relación ás xornadas en que terán lugar as touradas. Segundo as declaracións da concelleira de Cultura, a empresa, a 18 de xuño, aínda non presentara o cartel da feira taurina, feito que contradi o recollido polo prego de cláusulas administrativas, que no punto 22 da cláusula 7 di:

 

Pola súa banda, Rubén Pérez, o responsábel de Galiza, Mellor sen Touradas, advertiu da intención da empresa de cambiar as xornadas en que tería lugar a feira taurina. Segundo puido saber o colectivo animalista, a concesionaria pretendería organizar as touradas en dúas fins de semana consecutivas. Lembrou Rubén Pérez que o prego de prescripcións técnicas que regula a licitación para a adxudicación advirte, no seu punto 2, de que a feira taurina terá lugar durante tres días consecutivos.

O portavoz de Galiza, Mellor sen Touradas, que cualificou de “cachondeo” a opacidade do Goberno municipal sobre a feira taurina e o incumprimento do contrato, puxo de manifesto que, de teren lugar as touradas durante dúas fins de semana consecutivas, o Concello tería que achegar aínda máis cartos dos 90.000 euros que malgastou o ano pasado. Tamén fixo alusión á escasa afección da cidadanía á feira taurina, xa que, a empresa tivo que aumentar no 2012 o número de convites nun 28% e que, aínda así, houbo un 20% menos de asistencia que no 2011.

Neste contexto, a concelleira nacionalista e o responsábel de Galiza, Mellor sen Touradas reivindicaron a non renovación deste contrato que, como se recolle no prego de cláusulas administrativas, ten unha duración dun ano desde a data da súa formalización, prorrogábel antes da súa finalización por mutuo acordo entre o IMCE e o contratista por anos até un máximo de catro anos, incluído período inicial e prórrogas.

O BNG e Galiza, Mellor sen Touradas piden a non renovación do contrato da feira taurina