O BNG restaurará, desde a transversalidade, os dereitos das mulleres derrubados polo PP

O BNG restaurará, desde a transversalidade, os dereitos das mulleres derrubados polo PP

A Coruña, 28 de setembro de 2012.- O BNG presentou esta tarde no local da A.C. Alexandre Bóveda os principais eixos do programa en materia de igualdade. E fíxoo da man da candidata Vitoria Louro, responsábel de Acción Feminista do BNG, e da concelleira María Xosé Bravo, que vén de rexistrar unha moción para debate no Pleno ordinario do luns para a defensa dos dereitos das mulleres e para garantir a libre decisión das mulleres sobre a maternidade. Antes do acto, as nacionalistas participaron na concentración convocada, ás 20h, no Obelisco, pola Plataforma Galega polos Dereitos Sexuais e Reprodutivos, precisamente, porque hoxe ten lugar o Día da Acción Global por un Aborto Legal, Seguro e Gratuíto.

A candidata do BNG comezou a súa intervención apelando á necesidade de “superarmos este sistema patriarcal e capitalista” e acreditando en que “as reivindicacións feministas non poder ficar nun gueto de cousas de mulleres”. De aí que chamase á transversalidade.

Louro explicou que os problemas derivados da crise, o desemprego, a fenda salarial, o intento de relegaren as mulleres a un papel tradicional, a perda de dereitos conquistados, cuestións urbanísticas, de servizos sociais, de espazos, de tempos, da problemática da violencia machista... “deben constituír unha cuestión política galega, un problema de nación”. Nesta liña, apuntou que “o feminismo non está superado e non é certo que teñamos que dar paso a unha neutralidade, porque as mulleres seguimos a sufrir unha dupla ou tripa discriminación, porque nós pasamos da precariedade á marxinación, e porque os dereitos conseguidos están sendo cuestionados”.

Con Feijóo empeoraron as condicións de vida das galegas

A candidata do BNG ao Parlamento galego expuxo, a continuación, os retrocesos das galegas desde que Feijóo é presidente da Xunta. “Empeoraron as nosas condicións de vida”, salientou, e criticou que o PP desmantelara todos os avances logrados polo BNG no bipartito en materia de igualdade e que recortara en servizos públicos, que inciden, especialmente, na equidade de xénero.

Vitoria Louro denunciou que o PP “cambios as políticas de igualdade por un discurso que quere reforzar o rol tradicional das mulleres e que nos presenta como seres indefensos”. Así, citou medidas regresivas como o incumprimento da paridade no Consello da Xunta; a aprobación da ILP Red Madre, que cuestiona o dereito a abortarmos; a supresión do Servizo Galego de Igualdade; a aprobación da Lei da Familia, ou a paralización da Lei galega contra a violencia de xénero e a lei de Fomento do Traballo en Igualdade.  “Malia que a crise repercute, dun xeito especial, nas mulleres, a Xunta de Galiza non se dotou dun Plan de emprego feminino, mesmo vulnerando a lei”, engadiu.

O BNG propón un plan de emprego feminino

A continuación, Vitoria Louro salientou propostas do BNG, sempre coa participación do movemento feminista e das asociación de vítimas de violencia de xénero, como a defensa do dereito ao aborto, unha lei de fomento da corresponsabilidade, o desenvolvemento das leis do traballo en igualdade, o desenvolvemento das leis contra a violencia de xénero, un plan de emprego feminino e a restauración de todos os dereitos que Feijóo puxo en cuestión.

Ademais, apostou polo desenvolvemento dun novo marco normativo para garantir a igualdade de oportunidades e de trato, e para defender, con carácter xeral, os dereitos conquistados e afondar neles e concluíu advertindo de que “a perspectiva feminista debe atravesar o conxunto das políticas públicas, co fin de combater as discriminacións da que as mulleres continuamos a ser obxecto”.

--

Saúdos, Prensa BNG

669 381 398

O BNG restaurará, desde a transversalidade, os dereitos das mulleres derrubados polo PP