O BNG reivindica unha aposta decidida polo uso do tren

O BNG reivindica unha aposta decidida polo uso do tren

A Coruña, 2 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG lamenta que Concello da Coruña, Xunta de Galiza e Goberno central non fagan unha aposta decidida polo uso do tren como medio de transporte alternativo ao coche. A falta dese compromiso, tantas veces denunciado polo Bloque, volve reflectirse, como cada inicio do ano, na suba dos diferentes billetes de media distancia. Este encarecemento das viaxes, unido á redución dos servizos, provoca que o pobo non contemple o tren como unha alternativa factíbel ao uso do vehículo privado.

Desta vez, Renfe encareceu as tarifas un 1,85% en base á aprobación en 2013 do incremento dos prezos das obrigas de servizo público, válidas por dous anos. Así, a partir do día de onte, o prezo do billete da Coruña a Vigo pasou de custar 17,80€ e 15€ (en función da modalidade de tren) a custar 18,10€ e 15,30€ respectivamente. O da Coruña a Pontevedra pasou de custar 13,35€ e 15,75€ a custar 13,60€ e a 16,05€. O da Coruña a Santiago custaba 6€, 7,10€ e 7,20€ e agora custa 6,10€, 7,20€ e 7,35€. O da Coruña a Ourense valía 23,50€ e agora vale 23,95€.

Capítulo aparte merece o caso da liña A Coruña-Ferrol, que pasa de custar 6€ a custar 6,10€. O Bloque salienta que o que chama a atención nesta liña é o desproporcionado prezo en relación á lamentábel prestación. E é que ao carecer de by pass en Betanzos, as condicións do tren entre A Coruña e Ferrol provocan que esta infraestrutura sexa inservíbel e que careza de persoas usuarias. Así, por carecer de by pass, o rodeo que ten que dar o tren implica que viaxar da Coruña en Ferrol en tren se dispare a 1h16min. Precisamente, unha das emendas parciais presentadas polo Bloque aos orzamentos xerais do Estado para 2015 consistiu en propoñer 2 millóns de euros para a construción do by pass na estación de Betanzos-Infesta. Porén, o rolo da maioría do PP no Congreso, coa complicidade do Goberno do Sr. Negreira, botou abaixo a iniciativa do BNG.

Poñer a funcionar un tren de proximidade na Coruña non suporía grandes investimentos

O Grupo Municipal do BNG insiste en que as solucións aos problemas de mobilidade que padece a cidade e a comarca pasan, necesariamente, polo transporte público a nivel comarcal e polos medios de transporte alternativos ao coche. Aquí xogaría un papel fundamental o tren de proximidade, cuxa posta en funcionamento non implicaría o emprego de grandes investimentos e recursos, pois xa existe a infraestrutura necesaria (camiños de ferro) nos concellos da comarca, nos polígonos industriais da Coruña, no Campus de Elviña e mesmo no centro da cidade, na praza de Ourense. As nacionalistas salientan a importancia de contar cun tren de proximidade que facilite o movemento e o transporte entre a cidade e concellos da comarca baixo as claves de frecuencias axeitadas, prezos asequíbeis e complementariedade co transporte público por estrada.

 

O BNG reivindica unha aposta decidida polo uso do tren