O BNG denuncia que o Concello realiza limpezas en espazos da Autoridade Portuaria
A Coruña, 25 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia que as máquinas de limpeza do Concello da Coruña traballan en espazos que non son municipais senón que pertencen a outros organismos, no caso do Parrote á Autoridade Portuaria. O Grupo Municipal do BNG xa ten denunciado en numerosas ocasións que os caprichos do Sr. Negreira no Parrote e na Mariña, supoñen un despilfarro económico xa que se está destinar a meirande parte do investimento público nunha obra carente de interese xeral, nesta zona concreta da cidade fronte o estado de abandono dos barrios.
E así a cidadanía da Coruña, nun contexto económico e social nefasto, ve como os beneficios son para Copasa e para a Autoridade Portuaria, mentres que os custos son para o Concello da Coruña e para os coruñeses e coruñesas.
As nacionalistas denuncian tamén que aínda segue sen coñecerse o custo do mantemento do tunel, que tamén vai asumir o concello de acordo co Convenio subscrito coa Autoridade Portuaria.