O BNG reivindica acabar coa política de "pouco pan" e "pésimo circo"
A Coruña, 11 de outubro de 2013.- A concelleira Avia Veira reclámalle ao alcalde que acabe coa política de pouco pan e pésimo circo en alusión ao alto custo do aluguer das carrozas da cabalgata de Nadal, cuxa cantidade de licitación ascende este ano a 92.000 euros, un 40% máis que o ano pasado e un 160% máis que no anterior mandato. Salienta a nacionalista que, curiosamente, este ano, con máis crise, cunhas cifras de desemprego maiores e con contínuos recortes nas partidas de gasto social, o Goberno municipal licita máis caro o aluguer destas carrozas cando contratará o mesmo número de carrozas que o ano pasado.
Pola outra banda, a edila do BNG pregúntase polos motivos que levaron o Goberno do Sr. Negreira a tramitar de forma urxente o expediente do concurso para o aluguer das carrozas. Segundo este procedemento, o prazo de presentación de proposicións para optar a este procedemento negociado é de 8 días naturais contados a partir do siguinte ao da publicación do anuncio do procedimiento negociado na web www.coruna.es. Así, o Goberno municipal reduciu de 10 a 8 os días en que se poden presentar as propostas.
Por último, Avia Veira alude ás irregularidades detectadas polo BNG na adxudicación da cabalgata de reis do ano pasado á empresa VS1 Producción Creativa (empresa da persoa gañadora do concurso de 2012, Carlos López Ríos). O Concello adxudicáralle o aluguer das carrozas "por ser su oferta la económicamente más ventajosa en la licitación...", cando a oferta económica máis vantaxosa era a doutra empresa, C.A. Totality Group SLU. Lembra a concelleira nacionalista que esta mesma persoa, Carlos López Ríos, está vinculada aos contratos das carrozas de reis de 2012 (62.498,97 euros) e 2013 (51.919,01 euros), das carrozas de San Xoán de 2012 (35.057,80 euros), do polémico poboado lapón (72.479 euros) e da nova carroza da área de comercio para reis 2013 (11.419,30 euros), un total de 233.365,08 euros.