O BNG considera satisfactoria a renuncia de Vodafone a instalar unha antena nos Rosales
A Coruña, 11 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que Vodafone España renuncia, finalmente, a instalar unha estación de telefonía móbil no centro comercial dos Rosales, unha antena que espertou o rexeitamento da comunidade veciñal e das nacionalistas. O BNG amosa a súa satisfacción pola renuncia da empresa de telefonía e lamenta que tivera que ser a compañía telefónica quen desistira de instalar a estación de telefonía e non o Goberno municipal quen impedira a implantación da antena en defensa do interese xeral. E é que o Goberno do Sr. Negreira botara abaixo todas e cada unha das alegacións presentadas tanto pola veciñanza como polo BNG; en total, case un cento de persoas e colectivos (entre elas a AVV dos Rosales, AVV de San Pedro de Visma, comunidades de veciños e ANPAS) alegaran contra a licenza.
As nacionalistas tiveron coñecemento da renuncia de Vodafone despois de que a Xunta de Goberno Local do 04.10.2013 tomara coñecemento da decisión de Vodafone do desistimento na súa petición de licenza de obra e actividade para a implantación desta estación base no centro comercial. Con data de 19.09.2013, a empresa sinalou que por motivos técnicos á prestación do servizo inherente a este tipo de instalacións, non procedeu a instalar dita estación base, nin pretende realizala.
O Sr. Negreira nunca deu explicado os motivos que o levaron a botar abaixo as alegacións do BNG á antena dos Rosales
O 03.05.2013, o Goberno do Sr. Negreira concedía a licenza de instalación para a actividade e mais a licenza para realización das obras. Pola súa banda, o BNG presentara alegacións 12.09.2012 (achéganse en arquivo anexo) e o 24.10.2013 (achéganse en arquivo anexo) presentou un informe dirixido a Alcaldía para coñecer explicase os motivos que levaron o Goberno municipal a tombar as alegacións presentadas polas nacionalistas.
O Sr. Negreira nunca deu explicado por que botou abaixo as alegacións do BNG, quen advertía de que o proxecto incumpría o artigo 21.4.3 da ordenanza municipal reguladora da autorización das infraestruturas de comunicación e que non se axustaba ao plan de implantación de Vodafone aprobado no seu momento polo Concello da Coruña. A resposta ás alegacións, lembran as nacionalistas, foi sorprendente, xa que se citaba literalmente que o BNG se opuña á instalación da antena "en base a la nocividad y peligrosidad de dicha instalación", cando en ningunha parte das alegacións figuraba tal motivo de oposición.
Vodafone desestima a petición de licenzas para antenas na Rolda de Nelle e na rúa Picavía
Nesta mesma Xunta de Goberno Local tamén se tomou coñecemento da decisión de Vodafone España, S. A. do seu desistimento na súa petición de licenza de obra e actividade para a implantación dunha estación base de telefonía móbil a instalar na Rolda de Nelle, 120 e na rúa Picavía, número 12.