O BNG reclamará nunha moción o asilo político para o activista saharauí Hasanna Aalia
A Coruña, 8 de febreiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG, a iniciativa da Delegación Saharauí na Galiza e de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, vén de rexistrar unha moción co fin de conseguir o asilo político ao activista saharauí Hasanna Aalia, despois de que o pasado 19 de xaneiro se fixese público o auto de resolución da solicitude de asilo político en que se lle comunica a denegación da protección e a súa saída obrigatoria do Estado español. O prazo concedido para abandonar o territorio é de 15 días, a pesar do castigo que lle espera e o risco real de ser torturado se regresa ao Sáhara Occidental baixo a ocupación de Marrocos.
Así, o Grupo Municipal do BNG instará o Pleno a instar o Goberno galego para que este se dirixa ao Goberno español para lle exixir que, en virtude da lexislación española e do compromiso do noso país co respecto aos Dereitos Humanos, lle conceda o asilo político a Hasanna Aalia, defensor do dereito de autodeterminación do pobo saharauí recoñecido pola lexislación internacional, dado que o seu retorno ao Sáhara Occidental supón un risco real para a súa integridade física. Tamén instará o Pleno a remitir de forma inmediata esta solicitude ao Ministerio do Interior, reclamando, ao tempo, a suspensión inmediata da orde de abandono do Estado español.
As nacionalistas expoñen na moción que Hasanna, de 26 anos, naceu no Aaiún e solicitou o asilo político en xaneiro de 2012, tras decatarse de que o seu nome figuraba na relación de acusados que ían ser xulgados en Rabat por un Tribunal Militar polos feitos do Gdeim Izik. O saharauí estaba nese momento no Estado español, non por estar perseguido polo seu activismo en favor da causa saharauí, senón para estudar cunha bolsa que lle foi concedida para aprender español. A lei española que regula as condicións para a solicitude de asilo político estabelece cláusulas e prazos excepcionais cando as circunstancias que xustifican a petición se deben a causa sobrevida no país de orixe, como sucedeu neste caso.
O retorno de Hasanna ao territorio ocupado, onde xa sufriu torturas por parte de Marrocos, suporía un risco real para a súa integridade física
Así, Hasanna figura no Sumario de Instrución do Tribunal Militar Permanente para a Forza Armada do Reino de Marrocos, xunto con outros 24 acusados, todos civís. Foi xulgado en rebeldía e, a teor da súa condena a cadea perpetua nunha sentenza que foi lida perante observadores de Human Rights Watch e Amnistía Internacional, entre outros, existen sobrados motivos para determinar que o retorno de Hassanna ao territorio ocupado suporía un risco real para a súa integridade física.
Malia este risco, denuncian as nacionalistas na moción, o Ministerio do Interior denegou a súa petición, a pesar de contar cun contundente informe de ACNUR, que apoiaba a solicitude en virtude das circunstancias excepcionais de Hassanna Aalia, recoñecendo o seu activismo, as detencións que sufriu, os malos tratos, o acoso e a presión á que foi sometido por parte da policía marroquí, e a tortura de que foi obxecto. A primeira vez que foi torturado tivo lugar en outubro de 2005, cando tiña 17 anos, por participar nunha manifestación pacífica á saída da escola. Estivo dous días retido e, segundo declarou Hassanna, os maltratos comezaron na mesma rúa onde fun arrestado e seguiron dentro do vehículo. Xa en comisaría, espíronme, colgáronme boca abaixo durante varias horas e non me deixaron beber auga.
O BNG explica na iniciativa que o Ministerio de Interior lle denegou ao mozo saharauí a protección internacional porque na sentenza escrita non figura o nome de Hasanna entre os condenados, aínda que os observadores internacionais confirmaron que si foi nomeado na sala cando se leu o veredito a cada un dos acusados. Por esta razón, o Estado español considera que hai un procedemento penal inconcluso e, aínda que non o di expresamente, no fondo está avalando a validez dun xuízo que foi denunciado polas máis importantes organizacións internacionais de defensa dos Dereitos Humanos por non ofrecer ningunha garantía ás persoas procesadas.