Aproveitaranse as obras da rúa Monte das Moas para acondicionar un vao para o transporte escolar?
A Coruña, 7 de maio de 2016.- O Grupo municipal do BNG presentou unha batería de preguntas nas que se interesa sobre se o Goberno municipal ten estudado a posibilidade de aproveitar as obras de ampliación das beirarrúas da rúa Monte das Moas para atender a demanda da comunidade escolar do CEIP Anxo da Garda de colocar na contorna un vao que facilitase a parada para o transporte escolar.
O Grupo municipal do BNG pregúntalle ao Goberno municipal se aproveitará as obras na rúa Monte das Moas para colocar un vao para facilitar as paradas do transporte escolar no CEIP Anxo da Garda
E é que, segundo as nacionalistas, o actual Goberno municipal indicoulle á propia comunidade escolar, en diversas conversas, que se estudaría a posibilidade de habilitar unha dunha zona de carga e descarga na rúa, que facilitaría as paradas transitorias dos transportes colectivos públicos de carácter escolar, co obxecto da recollida e baixada de alumnado do centro, e, en todo caso, sempre aproveitando a realización de obras nas rúas que se sitúan ao carón do mesmo.
O BNG sinala na súa iniciativa que esta mesma semana comezaron precisamente a realizarse obras de acondicionamento das beirarrúas da rúa Monte das Moas, o que motiva as preguntas ao Goberno municipal, e se ten pensado aproveitar a realización destas obras.
As nacionalistas sinalan que a comunidade escolar do CEIP Anxo da Grada vén demandando desde hai tempo a posibilidade de colocar na rúa onde se sitúan as instalacións do centro educativo unha zona que facilite a recollida e baixada do alumnado desde o transporte colectivo escolar
Se non é o caso, e o Executivo local non vai aproveitar a circunstancia da obra, tamén preguntamos se ten pensado habilitar no futuro este vao ou zona de carga e descarga na contorna do CEIP Anxo da Garda, nomeadamente na rúa Monte das Moas, e para cando, e, se finalmente non non se considera oportuno habilitar a zona, inquirimos sobre a existencia dalgún estudo técnico que desaconselle a colocación na contorna do centro educativo deste vao ou zona de carga e descarga, sinala Avia Veira.
Por último, as nacionalistas, tamén na iniciativa, e recollendo queixas da veciñanza e da propia comunidade escolar, pregúntanlle ao Goberno municipal se considera que as obras de levantamento das beirarrúas deben facerse no horario de entrada e saída do alumnado coas dificultades de mobilidade e accesibilidade que conlevan e deixando o acceso ao centro cun mínimo espazo polo cal non caben dúas persoas á vez, tan e como amosan as imaxes que acompañan ás preguntas.