O BNG empraza o Goberno a arranxar a inundación da praza interior do Ventorrillo
A Coruña, 10 de xuño de 2014- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar un rogo para lle solicitar ao Goberno do Sr. Negreira que arranxe a inundación que ocupa parte da praza interior do Ventorrillo, onde se atopa a estatua de Salvador de Madariaga. Da balsa, de perto de dez metros de extensión, sae continuamente auga desde o pasado venres, sen que o Concello fixese nada até o de agora para atallar o asolagamento.
Veciños e veciñas do barrio puxéronse en contacto co Bloque para que as concelleiras nacionalistas lles transmitiran as súas queixas ao Goberno do Sr. Negreira, dado que a poza está a impedir o uso dos servizos públicos instalados na praza. Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG empraza o Goberno a amañar, canto antes, a balsa.