O BNG reclama unha Coruña sen espectáculos degradantes para os animais
A Coruña, 12 de febreiro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira presentou unha iniciativa co fin de que o Goberno municipal se posicione sobre a instalación de circos con fauna salvaxe na cidade da Coruña e para saber se pensa vetar esta actividade de crueldade animal. Avia Veira reclama que o Concello non autorice espectáculos que sometan aos animais a tratos degradantes, sufrimento ou a morte, nos que se inclúen as touradas, os circos que empregan fauna silvestre e algunhas atraccións de feira.
A nacionalista sinala que tendo en conta a nula lexislación ao respecto, hai Concellos que aproban mocións para impediren a instalación de espectáculos con animais salvaxes por incumprir as liberdades básicas destes e por sometelos a unha explotación. Precisamente, o BNG xa levou aos Plenos de Betanzos, Culleredo e de Arteixo mocións neste sentido.
A iniciativa, froito das reunións do Grupo Municipal con colectivos en defensa dos animais, alude a un estudo de investigadores da Escola de Ciencias Biolóxicas da Universidade de Bristol baixo o título Are wild animals suited to a travelling circus life en que se evidencia a falta de adaptación dos animais salvaxes á vida itinerante dos espectáculos circenses.
O estudo, traducido recentemente pola Asociación Animalista Libera, reflicte a necesidade de impedir o uso de animais silvestres neste tipo de espectáculos e advirte de que nos circos a fauna chega a pasar 22 horas engaiolada en espazos insuficientes. Tamén a Asociación de Xuristas polo Benestar Animal, con base no Reino Unido, recomenda o vento dos animais en espectáculos.