O BNG pídelle ao Goberno municipal que repare as "paradas intelixentes" do bus e a tarxeta Millenium
A Coruña, 11 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha batería de preguntas para a resposta escrita nas que denuncia o mal funcionamento tanto das denominadas paradas intelixentes do autobús urbano como das tarxetas Millenium. A concelleira nacionalista Ermitas Valencia advirte de que hai meses que deixaron de funcionar correctamente as novas paradas do autobús urbano en Porta Real, na Avenida de Oza ou na rúa da Torre. Nestes puntos, as novas marquesinas non ofrecen información veraz e marcan, sempre, a mesma información, confundindo os usuarios e usuarias.
Ante o estado de abandono das paradas intelixentes, a concelleira do BNG pregúntalle ao Goberno municipal cando prevé solventar as deficiencias, por que malia levaren máis de nove meses sen funcionar o Goberno municipal non fixo nada por amañalas e cando prevé o Goberno municipal que as paradas intelixentes volvan funcionar. Tamén pregunta por que motivo non se coloca ningún tipo de sinaléctica que indique a marquesina electrónica non funciona ou que a información que emite non é correcta, co fin de evitar a confusión das persoas usuarias do autobús.
Ademais, noutra iniciativa, a concelleira do BNG interésase, unha vez máis, polo deficiente funcionamento das tarxetas Millenium. A nacionalista lamenta que malia as iniciativas presentadas polo BNG sobre o mal funcionamento das tarxetas o Goberno municipal non fixera nada. Valencia sinala na exposición de motivos das preguntas para a resposta escrita que a substitución das tarxetas que fallan, cada día, longas esperas tanto no rexistro xeral do Concello como na estación de autobuses.
Neste contexto, concelleira do BNG pregúntalle ao Goberno municipal cantas tarxetas se substitúen cada ano polo mal funcionamento, se ten previsto cambiar o sistema de chequeo das tarxetas, por que non se substitúen as actuais tarxetas por outras máis resistentes e por que as persoas ás que se lles estraga a tarxeta teñen que aboar no momento a tarifa xenérica cando a tarxeta deixa de funcionar por causas alleas á súa vontade. Ademais, Ermitas Valencia pregúntalle ao Goberno do Sr. Negreira se ten previsto instar a Compañía de Tranvías a cobrarlles a tarifa do bonobús que lles corresponde ás persoas cuxa tarxeta deixou de funcionar.
As nacionalistas consideran que o Goberno municipal non pode permanecer de brazos cruzados ante estas eivas do servizo de autobús urbano cando aprobou, nestes dous últimos anos, o encarecemento das tarifas do autobús, unha suba que lle afecta, en maior medida, ás persoas beneficiarias do bonobús social: estudantado, persoas xubiladas, desempregadas e con discapacidade.