O BNG chama a cidadanía a participar nas mobilizacións de hoxe
A Coruña, 14 de febreiro de 2013.- O BNG da Coruña participa nas mobilizacións convocadas para o día de hoxe na cidade. A partir das 11.30h diante do Centro de Orientación Familiar (COF) de Orillamar, as concelleiras María Xosé Bravo e Avia Veira e a responsábel de Acción Feminista do BNG reivindicarán o mantemento dos dous centros de orientación familiar que existen hoxe en día na Coruña. Na concentración, convocada polo Grupo de Apoio ao COF, do que o BNG forma parte, esixiranlle ao Sergas que garanta o dereito a recibir unha atención de saúde sexual e reprodutiva de calidade, accesíbel e igual en todo o territorio. Así, no Día Europeo da Saúde Sexual, reclamaranlle á Xunta de Galiza que non desmantele o COF do Ventorrillo e que non traslade a atención deste centro nin ao COF de Orillamar nin aos centros de saúde.
O BNG, tanto no Concello da Coruña como na Deputación e no Parlamento de Galiza, presentou unha batería de iniciativas en contra dunha decisión irresponsábel que atenta contra os dereitos da muller. Precisamente, as nacionalistas tiveron coñecemento hai uns días da resposta ás preguntas formuladas no Parlamento. Na resposta achegada ao BNG, a Xunta de Galiza admite que realizará os "axustes organizativos que puideran ser necesarios" e en ningún momento se compromete a garantir a continuidade nin a reforzar este centro, tal e como lle reclamaban as nacionalistas.
Veira: "O Goberno municipal está do lado dos propietarios do apartamento e en contra da anciá desafiuzada"
Máis tarde, ás 12.30h, as nacionalistas asistirán á concentración convocada por STOP DESAHUCIOS contra o desafiuzamento de Aurelia, unha muller de 85 anos que vive no apartamento da rúa Padre Feijóo desde 1979. Sobre esta anciá pesa unha sentenza que a obriga a abandonar a vivenda polo impago do mes de abril de 2011, tras outro impago anterior.
Avia Veira, que vén participando en todas as concentracións convocadas contra o desafiuzamento de Aurelia, explica que a inquilina paga 126 euros de alugueiro e cobra unha pensión inferior a 400 euros. A concelleira do BNG considera "un escándalo" que a única solución que lle dá o Goberno municipal a esta muller, que se vale por si mesma, sexa ingresala nunha residencia para maiores. "O Goberno municipal demostra estar do lado dos propietarios do apartamento e non do lado da anciá desafiuzada", denuncia.
Lembra Veira que o BNG presentou en decembro unha moción elaborada conxuntamente con STOP DESAHUICOS e con ARQUITECTOS SEN FRONTEIRAS con medidas específicas para evitar os desafiuzamentos desde o eido municipal e que o PP nin sequera permitiu debatela.
O BNG chama a cidadanía a participar na macro-muiñeira reivindicativa contra a violencia de xénero
Ademais, o BNG estará presente na macro-muiñeira convocada no Obelisco, ás 19h, dentro da campaña mundial "Un billón en pé", contra a violencia de xénero. As nacionalistas chaman a cidadanía a participar neste baile reivindicativo contra a opresión e contra o patriarcado. Sinalan que sen a desaparición do patriarcado non será posíbel unha transformación radical deste mundo cara outro máis xusto e máis digno.
O BNG pon de manifesto que as políticas do PP, lonxe de resolver os problemas aos que se enfrontan as mulleres, agrávaos. Así, as nacionalistas lamentan que no canto de lexislar en defensa da igualdade, o PP fixer desaparecer dos orzamentos as accións de apoio á muller e ás políticas de igualdade recollidas na Lei 2/2007. Engade o BNG que as declaracións grandilocuentes do PP nas distintas institucións son baleiras de contido. E é que nunca se acompañan de medidas que garantan a igualdade e a autonomía da muller.