O BNG rebélase contra unha reforma local que pretende impor unhas condicións de vida inhumanas
A Coruña, 14 de novembro de 2013.- Representantes políticos e institucionais do BNG de distintas partes da provincia participaron nun acto simbólico na tarde de hoxe diante da Deputación da Coruña contra a reforma da Administración local que quere sacar adiante o Partido Popular. A secretaria de Implantación e Estratexia Municipal do BNG, Goretti Sanmartín, que participou na mobilización xunto a concelleiras/os, deputadas/os provinciais e portavoces do BNG nos concellos, puxo de manifesto en declaracións aos medios que a reforma laboral do PP, profundamente antidemocrática, pretende pisar todos os dereitos das persoas e imporlle unhas condicións de vida inhumanas á inmensa maioría do pobo.
A responsábel nacional de política municipal denunciou que esta reforma reforza as deputacións, estes entes caciquís non elixidos directamente e advertiu de que crea cidadanía de primeira e de segunda, ao provocar que sexa a veciñanza que se desprace (e pague dúas veces) para acceder a moitas prestacións.
Goretti Sanmartín, que acusou o PP de pretender suprimir municipios, asegurou que propostas como estas van encamiñadas á recentralización e á concentración servizos nas capitais de provincia.
O PP acometerá esta reforma porque sabe que hai concellos, como os gobernados polo BNG, que escapan ao seu control férreo, que se rebelan contra as súas medidas antisociais
A secretaria de Implantación e Estratexia Municipal puxo de manifesto que o PP quere acometer esta reforma porque sabe que hai concellos, como os gobernados polo BNG, que se lles escapan ao control férreo que tentan manter e porque hai alcaldías e grupos municipais como os do BNG que conseguen mellorar as condicións de vida da veciñanza ao se rebelaren contra as medidas antisociais de Rajoy, Feijóo, Negreira e amigos. O PP sabe que desde política municipal pode practicarse a insubmisión ás súas políticas e tamén que desde ela o pobo é máis consciente do que significan os recortes e a austeridade, engadiu.
Tamén advertiu a nacionalista doutras das finalidades desta reforma: a privatización de servizos. E é que en todos os concellos de menos de 20.000 habitantes será a Deputación quen xestione os servizos para privatizalos en grandes paquetes, para llelos entregar a empresas amigas e eliminar o factor de proximidade. Lembrou, ademais, que os concellos galegos son os que menos ingresan por habitante e que esta reforma non acomete os grandes problemas do territorio galego: a dispersión e o envellecemento da poboación. Nesta liña, Goretti Sanmartín expuxo que se quixeren aforrar, que eliminen as deputacións e o Senado.
A reforma é tan brutal que mesmo se levantaron contra ela moitos alcaldes do PP e houbo un rexeitamento unánime na FEGAMP; porén, o PP vota en Madrid contra do que apoiou na Galiza
Por último, a responsábel nacional de política municipal salientou que a reforma é tan brutal que mesmo se levantaron contra ela moitos alcaldes do PP e mesmo houbo un rexeitamento unánime na FEGAMP. Porén, sinalou que máis unha vez, o PP dá mostra de traizoar os intereses do pobo galego e vota en Madrid en contra do que apoiou na Galiza; máis unha vez, asistimos ao espectáculo da submisión ás directrices do goberno do Estado.
Así, expuxo que se non quixeren pasar á historia senadoras e senadores galegas e deputadas galegas e deputadas galegas como as persoas que lle puxeron o ramo á ruína do rural, á desertización de grandes zonas do país e á perda de servizos básicos para poderen ter a calidade de vida necesaria, lembrámoslles que están a tempo de traballar para que non se aprobe esta reforma. Nesta liña, pediulle ao presidente da Xunta que explique publicamente a súa posición a este respecto e que diga se vai facer valer os acordos acadados na FEGAMP ou se vai continuar sendo un vasalo de Rajoy a costa do noso sacrificio.