Canto nos custa vestir de azul a Torre e cantas tiras reactivas poderían mercarse con eses cartos?
A Coruña, 14 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha serie de preguntas escritas para coñecer o custo da iluminación da Torre de Hércules en azul, de 18h a 1h, con motivo do Día Mundial da Diabete, despois de que persoas diabéticas se puxeran en contacto co BNG para amosarlles a súa indignación dadas as graves medidas que o PP acomete na sanidade pública.
Nesta batería de preguntas, a concelleira María Xosé Bravo pregunta canto lle custa ao Concello da Coruña vestir de azul a Torre e a cantas tiras reactivas equivalen. Advirte a nacionalista de que nos últimos tempos, o Sergas recortou en tiras para controlar a glucemia e fixo caer a calidade das agullas. A isto súmase o aumento do 50% do prezo da insulina e os efectos que terá o copago en medicamentos para persoas diabéticas que tamén padezan de problemas cardíacos, de colesterol e de tensión.
Neste contexto de desmantelamento brutal da sanidade pública por por parte do PP, que provoca que manteña pechadas na nosa cidade 25 camas do Abente y Lago, o BNG considera unha burla que se gasten cartos públicos en tinguir a Torre de azul. Así, María Xosé Bravo pon de manifesto que a mellor maneira de conmemorar o Día Mundial da Diabete non pasa por unha cuestión estética e simbólica, senón por investir cartos para acabar co copago en medicamentos e para pórlle fin á perda de calidade da sanidade pública.