O BNG aposta por un plan de erradicación dos asentamentos precarios
A Coruña, 20 de setembro de 2012.- En resposta ás preguntas dos medios sobre o incendio da pasaxe, o portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, sinalou que é necesario, como o BNG xa insistira no caso de Penamoa, no caso do incendio do Portiño ou no caso da Moura, que haxa un plan de erradicación dos asentamentos precarios na cidade, tendo en conta que hai catro, e cada un deles coa súa propia realidade e peculiaridade.
Engadiu Carril que este plan de erradicación dos asentamentos precarios non debe contemplarse só desde a óptica do dereito á vivenda. Hai que concibir a inclusión social como política transversal do Concello da Coruña e de todas as Concellarías. Nesta liña, o BNG avoga por elaborar un plan integral de inclusión social para cada un dos asentamentos cos seguintes obxectivos: a mellora das condicións de acceso ao emprego a través da educación e a formación profesional, promover mecanismos de incorporación laboral, posibilitar hábitos sanitarios que melloren as expectativas de vida e a participación, favorecendo o proceso de autoorganización e participación en organizacións comunitarias que favorezan a convivencia intercultural. O BNG considera que neste traballo habería que implicar outras administracións públicas, sinaladamente a Xunta de Galiza e os concellos da comarca.