O BNG propón o acondicionamento e posta en valor do cemiterio de Oza
A Coruña, 14 de xaneiro de 2015- A instancias da veciñanza de Oza, o Grupo Municipal do BNG vén de presentar un rogo no que lle prega ao Goberno do Sr. Negreira que acometa os traballos de conservación necesarios para manter de xeito adecuado o cemiterio de Oza, que precisa traballos de acondicionamento que lle dean o aspecto de esmero do que agora carece.
Neste camposanto atópase enterrado Juan Rodríguez Paz, o que fora derradeiro alcalde do Concello de Oza e que foi coñecido popularmente como o médico dos pobres, polo seu labor social a favor das persoas con menos recursos dos concellos de Oza e da Coruña. O nicho no que repousa foi construído grazas a unha subscrición popular, dado que o pobo de Oza consideraba a Juan Rodríguez Paz un home bo e xeneroso. A día de hoxe o seu sepulcro presenta un estado de abandono total. Por iso, as nacionalistas instan o Goberno local a reparar, limpar e acondicionar a tumba do denominado médico dos pobres.