Despois de 4 anos e cun incendio polo medio, O Portiño-Campanario segue coas mesmas necesidades
A Coruña, 13 de febreiro de 2015- A caravana dos barrios do BNG-Asembleas Abertas recalou na tarde de onte no Portiño-O Campanario, no marco da campaña #TodasAsCoruñas, despois de pasar a mañá no asentamento precario das Rañas. As nacionalistas, entre as que se atopaba o candidato e portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, comprobaron como despois de catro anos e cun incendio polo medio as necesidades do Portiño-O Campanario volven ser as mesmas.
As veciñas e veciños deste asentamento volveron trasladarlle a Carril todo un conxunto de actuacións básicas que pasan pola necesidade de dotar o barrio de infraestruturas primarias, como é a iluminación; o pintado da calzada e de pasos de peóns, a construción de beirarrúas e a iluminación da estrada que vai de Visma ao Portiño; así como a pavimentación e a construción de beirarrúas no vial de acceso ao barrio. De feito, para entrar ao poboado hai que atravesar o que a veciñanza, ironicamente, denomina o estanque de inverno unha enorme fochanca que fai impracticábel o paso a pé. Pola outra banda, tamén é imprescindíbel mudar a marquesiña na que as crianzas agardan o bus escolar, pois está inservíbel, e mellorar o servizo de limpeza e recollida de lixo.
Outras demandas da veciñanza, á que o BNG visitou continuamente ao longo destes anos, pasa pola rehabilitación do edificio de propiedade municipal situado no barrio, pois nesta instalación o propio Concello e a Universidade ofrecen aulas de reforzo, así como actividades de lecer, para o estudantado que reside no Portiño malia que non conta coas dotacións mínimas necesarias. Así, o BNG-Asembleas Abertas propón que este edificio sexa considera un centro veciñal máis da cidade, co fin de que se dote dos equipamentos mínimos necesarios para que alí se ofrezan axeitadamente os servizos municipais.
Tamén se fai eco o BNG-Asembleas Abertas da necesidade de situar no barrio un parque infantil, onde as nenas e os nenos poidan xogar nunha instalación propia como ocorre na maior parte dos barrios da cidade.