O BNG presenta un recurso contra a construción dunha bufarda nun edificio de Ciorraga en Panadeiras
A Coruña, 21 de xaneiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar un recurso de reposición contra a licenza outorgada en Xunta de Goberno Local de 28.12.2012 para a construción dunha bufarda nun edificio histórico de Panadeiras, do arquitecto Juan de Ciorraga. En concreto, o Goberno municipal outorgou licenza para a substitución da estrutura de cuberta e estrutura parcial do chan do baixo cuberta, a construción de elemento abufardillado e o acondicionamento de medianeiras neste edificio catalogado con nivel de protección integral.
Tal e como expón o BNG no recurso de reposición, o outorgamento da licenza incumpre tanto o acordo municipal de 02.12.2011 de suspensión cautelar de licenzas no ámbito PEPRI e mais o acordo municipal de 10.12.2012 de aprobación inicial do PEPRI. Chama a atención, sinalan as nacionalistas, que en todo o expediente administrativo nin sequera se mencionen estes acordos. En consecuencia, o BNG solicítalle ao Goberno do Sr. Negreira que anule e deixe sen efecto a licenza outorgada.
A licenza outorgada incumpre o acordo municipal de suspensión cautelar de licenzas no ámbito PEPRI
As nacionalistas poñen de manifesto, en primeiro lugar, que a licenza outorgada incumpre o acordo municipal de 02.12.2011. A Xunta de Goberno aprobou entón suspender cautelarmente as licenzas no ámbito PEPRI que tivesen por obxecto obras de ampliación e adición de plantas, así como as de reestruturación das edificacións existentes, como é este caso.
O Grupo Municipal do BNG explica no recurso que a licenza se solicita e se outorga para a substitución da estrutura de cuberta e construción dunha bufarda exterior e advirte de que se omite que a obra solicitada e autorizada supón un incremento de aproveitamento e volume construído do baixo cuberta, tanto pola construción da bufarda como polo incremento da pendente dos faldóns da cuberta, vísibeis desde o espazo exterior (ver imaxes do recurso de reposición, que se xunta). Así, denuncia que o obxecto da obra é o incremento do volume construído e do seu aproveitamento.
As nacionalistas expoñen que o Goberno municipal tramitou a solicitude de licenza, sen suspender o procedemento, e sen que sequera se xustificase no expediente a procedencia desta actuación en relación co acordo de suspensión cautelar de 02.12.2011.
A licenza outorgada incumpre o acordo municipal de aprobación inicial do PEPRI
En segundo lugar, o Grupo Municipal do BNG explica que a licenza outorgada incumpre o acordo municipal de 10.12.2012 de aprobación inicial do PEPRI. E é que a aprobación inicial do PEPRI ten lugar dentro dun ano da suspensión cautelar de licenzas (a suspensión cautelar das licenzas foi acordada o 02.12.2011, mais foi publicada o 13.12.2011 no DOG).
Ademais, o BNG sinala que na modificación do PEPRI aprobada inicialmente determínase, no seu art. 118, que "na nova edificación ou nas actuacións de ampliación ou adecuación da existente, prohíbense os elementos de construción que sobresaian do plano inclinado do faldrón da cuberta, agás os permitidos na presente normativa". Así, as nacionalistas advirten de que a modificación do PEPRI aprobada inicialmente prohibe as bufardas como a que o Goberno municipal vén de autorizar por licenza.
Neste sentido, o Grupo Municipal do BNG salienta que, en aplicación o arr. 77.3. da LOUG, o Goberno municipal non debeu outorgar licenza para unhas obras que contradín o contido da modificación do PEPRI aprobada inicialmente.