O BNG apoia a folga na sanidade e as mobilizacións contra os recortes do PP
A Coruña, 9 de decembro de 2013.- O BNG da Coruña transmite o seu apoio aos dous días de folga e ás mobilizacións convocadas polos sindicatos en defensa dunha sanidade pública, gratuíta e universal e contra os recortes e o desmantelamento que está a levar a cabo o Partido Popular. Precisamente, esta mañá, as concelleiras María Xosé Bravo e Avia Veira participaron na mobilización convocada diante do Abente y Lago contra o peche da planta de medicina interna. As nacionalistas insisten na necesidade da apertura completa da planta e esíxenlle ao alcalde que abandone a súa actitude cómplice co PP e que se implique para reclamarlle á Xunta de Galiza a habilitación das 25 camas do Abente y Lago, que poderían ser empregadas para ingresos de curta duración e de baixo risco (dado que este hospital carece de UCI).
Ademais, o BNG volve denunciar un novo colapso nos servizos das urxencias do CHUAC, unha estampa que, desgrazadamente, se repite de xeito constante. Segundo os datos aos que tiveron acceso as nacionalistas, esta mañá atopábanse á espera de cama un total de 14 persoas que tiveron que pasar a noite nas urxencias. As nacionalistas consideran intolerábel que o Sergas faga esperar doentes en padiolas e sillóns nas urxencias e que máis de 37.000 galegos e galegas estean á espera dunha operación cando se permite o luxo de ter recursos públicos inutilizados, como toda unha planta de medicina interna pechada no Abente y Lago.
Para o BNG o peche da planta de medicina interna; o colapso das urxencias, que funcionan ao límite todos os días e onde calquera pico provoca o caos; e a derivación de pacientes á sanidade privada responden á estratexia do Partido Popular de desmantelar a sanidade pública para favorecer a sanidade privada. Neste contexto, chaman a cidadanía a participar na manifestación que percorrerá mañá as rúas da Coruña, con saída ás 20h, da Casa do Mar.