O BNG préndelle lume á Lei da Familia, á austeridade do PP, ao machismo e ao patriarcado

O BNG préndelle lume á Lei da Familia, á austeridade do PP, ao machismo e ao patriarcado

A Coruña, 23 de novembro de 2012.- O BNG da Coruña celebrará esta tarde un acto lúdico-reivindicativo para conmemorar o 25 de novembro, o Día da non violencia contra as mulleres. Cunha queima simbólica, as nacionalistas prenderanlles lume a todo cando retroceso sofren as mulleres. O acto, aberto a toda persoa que rexeite a violencia machista, terá lugar ás 20h no Obelisco.

Vitoria Louro, responsábel de Acción Feminista do BNG, avanza que as nacionalistas prenderanlle lume á aprobación da ILP Red Madre, promovida por asociacións ultracatólicas en contra do aborto; á austeridade do PP, que levou a suprimir o Servizo Galego de Igualdade eliminando as garantías legais das mulleres; á Lei da Familia, que se enmarca na liña regresiva dos dereitos das mulleres fomentando o seu rol tradicional e aos recortes do PP, que levaron a reducir un 78% os orzamentos en igualdade e un 83% os recortes en conciliación.

Tamén queimarán esta tarde o machismo do PP, que o levou a eliminar a Concellaría de Igualdade na Coruña e a desmantelar os recursos para a información e o asesoramento das mulleres; o involucionismo do PP, que paralizou o plan integral de atención á saúde das mulleres e suprimiu as unidades móbiles de detección precoz do cancro de mama; a violencia machista, que discrimina as mulleres física e/ou psicoloxicamente; o androcentrismo, por atribuírlle ao home a representación da humanidade enterira e o patriarcado, que fai que os homes predominen sobre as mulleres.

Ademais, o BNG queimará o sexismo; que mantén en situación de inferioridade a muller; a linguaxe sexista, que permite que o mundo sexa pensado en masculino; a misoxinia, que despreza todo o considerado como feminino e porque rexeita a homosexualidade; o capitalismo, porque sen acabar con este modelo inxusto non se pode acabar coa violencia machista; e a conferencia episcopal, por patriarcal e machista, entre outros moitos lemas.

"Imos queimar todo o que oprime as mulleres, todo o que nos invisibiliza, todo o que provoca que a violencia contra as mulleres aínda non estea erradicada, e que nin tan sequera estea nas axendas do PP, que enche a boca con declaracións en datas sinaladas e logo lexislan en contra dos nosos dereitos", afirma.

A responsábel de Acción Feminista do BNG explica que esta queima, aberta a quen queira queimar calquera lema en contra das mulleres, homenaxea as catro mulleres galegas que foron asasinadas as mans das súas parellas ou ex parellas. Fala de Julia, Tina, Iria e Marisol, a quen asasinaron por se rebelaren contra un destino marcado polo patriarcado. "Foron unhas heroínas que deron a súa vida nunha revolución permanente que o movemento feminista leva practicando contra o sistema de dominación que oprime toda a humanidade, o seu conxunto, homes e mulleres", sinala.

O BNG desmárcase do acto do PP polo 25N

Pola outra banda, Vitoria Louro lembra que ningún membro do BNG asistirá esta mañá ao acto institucional que organiza o Goberno municipal con motivo do 25N. "Trátase dunha pantomima, dun lavado de conciencia de quen ten a obriga de apoiar as mulleres e non o fai", sinala.

"Non valen os minutos de silencio cando se lexisla en contra das mulleres", engade. Louro lembra, ademais, que o PP non permitiu sequera debater en Pleno, por segundo ano consecutivo, as mocións presentadas polo BNG con motivo do Día da non violencia contra as mulleres.

Críticas ao sectarismo do PP, que o levou a denegarlle recursos técnicos á asociación Vela Luz

Por último, Vitoria Louro considera unha burla ás mulleres maltratadas que o Goberno municipal lle negara a Vela Luz recursos técnicos para o acto que este colectivo celebrará este domingo, 25N, desde as 11h nos Xardíns de Méndez Núñez. Louro, que critica o sectarismo do PP, ve inconcebíbel que un Goberno municipal negue un equipo de son a unha asociación contra a violencia machista. "Trátase dunha nova mostra de que de nada valen as farsas de actos que desenvolve o PP con motivo do 25N ou do 8M", conclúe.

 

O BNG préndelle lume á Lei da Familia, á austeridade do PP, ao machismo e ao patriarcado