O BNG levará a todos os concellos da comarca unha moción que impida os desafiuzamentos
A Coruña, 22 de novembro de 2012.- A responsábel comarcal do BNG e portavoz en Arteixo, Silvia Seixas, o responsábel local do BNG na cidade da Coruña, Raúl Fernández e o portavoz en Oleiros, Manuel Sarmiento, reuníronse esta tarde co responsábel de Stop Desahucios, Joaquín Díaz, e cun representante de Arquitectos sen Fronteiras, Juan Aradas, para acordar unha moción que os nacionalistas levarán a todos os concellos co fin de que se modifique a Lei Hipotecaria e a Lei do Enxuizamento Civil.
A responsábel comarcal, Silvia Seixas, denuncia a indefensión que sofren milleiros de persoas ante a voracidade da banca, que mesmo executa desafiuzamentos a persoas ás que apenas lles quedaban por pagar 6.000 ou 10.000 euros. Nesta liña, a nacionalista critica que o Goberno central siga a inxectar cartos públicos á banca, que é intransixente nas execucións hipotecarias que están a deixar na rúa 3 familias ao día só no partido xudicial da Coruña.
Seixas lembra que tanto PP como PSOE se opuxeron ás alternativas do BNG no Congreso dos Deputados. De nada valen panos quentes, precísanse medidas contundentes e de aí que presentemos en todos os concellos da comarca esta moción, apunta.
O BNG reclama nesta iniciativa a modificación da Lei Hipotecaria e que esta modificación teña carácter retroactivo, adoptando medidas como a dación en pago; o estabelecemento dun réxime especial no caso da execución de empréstitos cando se refire á vivenda habitual ou aos negocios comerciais; moratorias; converter a hipoteca nun aluguer; a modificación do réxime de taxación ou o proceso concursal para permitir a paralización de certas execucións.
O BNG pide un Fondo Económico Especial e a creación dunha comisión municipal para estudar axudas ao aluguer e á alimentación
Ademais, os nacionalistas esixen que se habilite un Fondo Económico Especial para atender os casos máis dramáticos, que se cree unha Oficina de Asesoramento para Familias ameazadas por desafiuzamentos e a creación dunha bolsa de vivenda social.
O BNG tamén solicitará en todos os concellos da comarca a creación dunha Comisión Especial para atender casos de desafiuzamentos, composta polos responsábeis dos Servizos Sociais municipais, portavoces municipais e plataformas contra os desafiuzamentos, que estude a posibilidade de axudas ao aluguer, axudas para evitar o corte de subministro básicos e axudas á alimentación. Tamén piden os nacionalistas que as entidades financeiras paralicen os desafiuzamentos que estean en marcha e a súa colaboración coa comisión municipal. E, no caso de falta de colaboración de entidades bancarias co concello, o BNG esixe prescindir dos servizos que estas lle prestan á Administración local.