O BNG preguntaralle ao Goberno pola solución que prevé darlle @s desaloxad@s do Ofimático
A Coruña, 24 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG formulará en Pleno unha pregunta oral para coñecer a solución que ten previsto darlle o Goberno do Sr. Negreira ás persoas desaloxadas do Ofimático unha vez boten abaixo as súas vivendas. Así, as nacionalistas procurarán que o Goberno municipal se posicione de xeito claro para evitar seguir prexudicando as persoas desaloxadas e para evitar seguir favorecendo as promotoras, que son as que están a marcar o ritmo de execución das obras de urbanización do Ofimático.
O Grupo Municipal do BNG xa denunciou, en reiteradas ocasións, a actitude do Goberno do Sr. Negreira coas persoas desaloxadas, contra as que actúa con contundencia para que abandonen o seu fogar. E isto, malia ter coñecemento de que non terán inmobles en que vivir. Consideran as nacionalistas completamente reprobábel que o alcalde asinara un decreto para que se actúe por vía xudicial e se desaloxe as familias que residen no Ofimático, cando non teñen alternativa de vivenda e cando o propio Goberno municipal non lles está a dar solución ningunha.
O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, e a concelleira Avia Veira, que xa teñen participado de mobilizacións das persoas desaloxadas, sumáronse no día de hoxe á concentración convocada polo colectivo de afectados co apoio de STOP DESAFIUZAMENTOS.