O BNG da Coruña comeza unha campaña por un aborto libre e gratuíto
O BNG da comarca da Coruña comeza mañá, luns, unha campaña en defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres co fin de garantir a decisión sobre os seus corpos e o acceso gratuíto ao aborto na sanidade pública. Por iso, en resposta aos ataques do PP aos dereitos das mulleres, as nacionalistas fan un chamamento ao pobo para saírmos á rúa baixo o lema O noso corpo, a nosa decisión. Aborto libre e gratuíto.
A responsábel comarcal de Acción Feminista do BNG, Vitoria Louro, salienta a necesidade de defender os dereitos que historicamente as mulleres conquistaron e a esixencia de que as mulleres que o así decidiren poidan realizalos en condicións dignas e cunhas garantías sanitarias óptimas. A proposta de reforma do aborto do PP, avalada e impulsada de xeito entusiasta pola Conferencia Episcopal responde a posicións ideolóxicas da dereita máis reaccionaria que ataca os dereitos das mulleres e nega o control das súas vidas e dos seus corpos, sinala.
Ademais, a responsábel de Acción Feminista sinala que no PP existe un forte compoñente económico que acompaña á idea de que as mulleres deben regresar aos papeis tradicionais de nais?e coidadoras, de tal maneira que se faga recaer nelas todos os servizos que o Estado deixa de prestar co desmantelamento dos servizos públicos.
Acto simbólico durante a mañá e concentración ás 20.30h na Delegación do Goberno
Neste contexto, as nacionalistas advirten de que cómpre dar unha resposta contundente para evitar unha proposta que pretende levar a lexislación en materia de interrupción voluntaria do embarazo aos supostos de despenalización de 1985. Así, no día de mañá, o BNG convoca un acto simbólico durante a mañá dirixido aos medios de comunicación e convoca tamén unha concentración ás 20.30h diante da Delegación do Goberno (Praza de Ourense).
O BNG forma parte da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (www.feminismo.eu) que vén de crearse na Galiza para dar unha resposta social a este novo ataque do Partido Popular. Nas próximas semanas, as nacionalistas estarán presente en todas as mobilizacións que realice o movemento feminista para parar esta nova agresión contra os dereitos das mulleres. De maneira moi especial, o BNG acompañará a mobilización nacional convocada pola plataforma para o próximo 16 de xuño.