O BNG preguntará no Pleno polo emprego, polas auditorías de Nostián e pola hostalaría
A Coruña, 28 de xaneiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG levará ao vindeiro Pleno ordinario de febreiro, que terá lugar o vindeiro luns, o plan de emprego prometido por Carlos Negreira, as auditorías de Nostián e mais as terrazas e a música ambiental nos locais hostaleiros da cidade. As nacionalistas preguntaranlle ao alcalde da Coruña polo plan que anunciara na precampaña e na campaña electoral, do que o BNG nada sabe desde que o Sr. Negreira asumiu o bastón de mando. O Grupo Municipal do BNG quere coñecer as previsións do Goberno de cara á creación emprego, despois de que a Enquisa de Poboación Activa (EPA) amosara a tráxica situación que se está a vivir na Coruña. E é que só no último trimestre se destruíron 3.200 postos de traballo e cada día foron ao paro 41 persoas.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno do Sr. Negreira polos motivos polos que os membros da Corporación aínda non poden acceder aos resultados das auditorías técnica e ambiental da planta de tratamentos de residuos de Nostián e auditoría económica ou estudo de viabilidade. As nacionalistas queren saber a que se debe que o Goberno municipal aínda non fixer públicos estes resultados. O Goberno do Sr. Negreira impediulle ás nacionalistas acceso a esta documentación en dúas ocasións, en outubro de 2012 e en xaneiro de 2013. Precisamente, na resposta á solicitude do BNG do mes de xaneiro, o Goberno municipal remitiu as concelleiras nacionalistas a un informe do Servizo de Medio Ambiente que non existe.
Ademais, o Grupo Municipal do BNG formulará unha pregunta oral para coñecer como están as negociacións cos hostaleiros e hostaleiras en materia de terrazas e de música ambiental.