Coñecemos máis gastos no Nadal de luxo do PP: un papá noel e unha carpa, 36.000
A Coruña, 28 de xaneiro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira dá a coñecer dúas novas facturas que se suman ao "Nadal de luxo" do Goberno do Sr. Negreira por conta do pobo. Desta vez, a nacionalista advirte do gasto de 36.058 euros nun Papá Noel e na carpa da pista de xeo instalada na praza de María Pita. A documentación á que tivo acceso o BNG sinala que a contratación dun Papá Noel ascendeu a 18.755 euros e a contratación da montaxe, desmontaxe e uso da carpa da pista de xeo valeu 17.303 euros.
Estes 36.058 euros súmanse aos 145.000 euros que valeu a Laponia coruñesa, aos 200.000 euros da cabalgata de reis e mais aos 600.000 euros do alumeado de Nadal. En total, o Goberno municipal gastou máis de un millón de euros neste Nadal, "unha cifra desorbitada tendo en conta que no último trimestre do ano se destruíron na cidade 3.200 postos de traballo e que cada día 41 coruñeses e coruñesas pasaron a engrosar as listas do paro, segundo os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA)", apunta Veira.
A concelleira do BNG pídelle ao Goberno do Sr. Negreira mesura e responsabilidade para que non se volva repetir semellante dispendio. E é que entre as festas do verán e o Nadal, gastáronse máis de dous millóns de euros.
O Goberno municipal segue sen explicar as irregularidades da contratación da cabalgata, adxudicada á empresa dunha persoa que xa recibiu traballos do Concello por valor de 229.034,87 euros
Pola outra banda, Veira advirte de que o Goberno municipal segue sen dar conta das irregularidades na adxudicación da cabalgata de reis á empresa VS1 Producción Creativa por un importe de 51,919,01 euros, "por ser su oferta la económicamente más ventajosa en la licitación...". Lembra a nacionalista que a oferta económica máis vantaxosa era a doutra empresa, C.A. Totality Group SLU, que se comprometía en prestar o servizo por 40.000 euros. De feito, a oferta de VS1 Producción Creativa superaba en 13.000 euros e nun 30% a oferta de C.A. Totality Group. Precisamente, Veira xa chamara a atención sobre a valoración do criterio de aforro de custos de C.A. Totality Group, que foi cualificada cun 0 neste apartado de aforro malia ser a empresa máis barata.
A concelleira do BNG salienta que a empresa VS1 Producción Creativa foi constituída en xuño de 2012 e que o seu único socio era Carlos López Ríos, a mesma persoa á quen se lle adxudicara o contrato o ano anterior (62.498,97 euros), a cabalgata de San Xoán de 2012 (35.057,80 euros) e mais o poboado lapón (72.479 euros). Ademais, o BNG vén de coñecer que o Goberno municipal lle adxudicou un contrato de 7.080 euros para o deseño, fabricación, subministro e instalación de elementos de dinamización comercial para a "noite branca". En total, 229.034,87 euros para empresas desta mesma persoa.