O BNG pídelle ao Goberno municipal facilitar o diálogo contra o movemento contrario ás touradas
A Coruña, 29 de xaneiro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira rexistrou esta mañá un rogo sobre a participación da cidadanía na decisión sobre a implicación do Concello da Coruña na realización de festexos taurinos. Veira expón que o pasado 15 de xaneiro representantes de Galiza, Mellor sen Touradas rexistraron un escrito en que solicitaban a posibilidade de apertura dunha quenda de rogos e preguntas ao finalizar a orde do día do Pleno do mes de febreiro, tal e como faculta o Regulamento orgánico de participación cidadá.
Varias semanas despois, sinala a concelleira, o Goberno non respondeu á petición da alianza dos e das abolicionistas. Veira salienta a pouca vontade de diálogo e participación coa veciñanza. Lembra a nacionalista que diversas enquisas independentes rexeitan unha maioritaria oposición a que o Goberno municipal subsidie, participe ou gaste do seu orzamento anual na celebración de festexos taurinos.
Neste contexto, a edila do BNG solicita que o Goberno municipal artelle os mecanismos necesarios para facilitar a comunicación e o diálogo co movemento contrario ás touradas.