O BNG critica que o Goberno local non lle solicitara á Xunta as axudas para programas de infancia
A Coruña, 12 de agosto de 2014.- O Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno do Sr. Negreira, que hoxe presume do balance do programa Concilia os teus tempos, rexeitara solicitarlle á Xunta de Galiza a axuda específica de atención á primeira infancia en centros e instalacións que posibiliten a conciliación da vida laboral e familiar. Así, mentres o Concello destinou 163.299,88 euros para o programa de conciliación cantidade que se viu aumentada froito do convenio coa Deputación, que ascende a 80.000 euros- o Goberno do Sr. Negreira impediu que a Xunta de Galiza achegara cartos públicos para tal fin ao non solicitar ningunha axuda.
O Diario Oficial de Galiza (DOG) de 26 de febreiro de 2014 recolle os datos dos concellos beneficiarios das subvencións para programas municipais destinados á infancia, entre os que se atopan municipios da comarca como Arteixo, Sada ou Betanzos. O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Concello da Coruña non se atope nesta listaxe cando si aparecen concellos moito máis pequenos, como é o caso de Narón (39.450 habitantes), cuxa axuda ascendeu a 128.860,20 euros.