O BNG pregúntalle ao Goberno municipal se pensa dedicarlle unha rúa a Marcelino Liste
A Coruña, 18 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha iniciativa en que lle pregunta ao Goberno do Sr. Negreira se ten pensado satisfacer o rogo oral presentado polas nacionalistas na sesión plenaria de decembro para lle dedicar unha rúa da cidade a Marcelino Liste. O Bloque reclamoulle ao Goberno municipal que procedese, por iniciativa propia, segundo o Regulamento para a concesión de honras e distincións do Concello da Coruña, ao outorgamento dunha rúa a Marcelino Liste e que se concedese pola Corporación, previo consenso de todos os grupos municipais. Polo de agora, o rogo oral do Bloque recibiu nula resposta, de aí a presentación da pregunta para a resposta escrita.
Unido inseparabelmente ao movemento veciñal da nosa cidade e coa honestidade e a coherencia como alicerces do seu actuar, Marcelino Liste foi un home entregado aos demais, que nunca renunciou aos seus principios e cuxa actividade foi moi relevante desde os derradeiros anos do franquismo. Nesta liña, o BNG lembra que traballou a prol dunha cidade máis habitábel e humana, denunciou as ilegalidades urbanísticas e a especulación ante os tribunais de xustiza e conseguiu sentenzas favorábeis do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e do Tribunal Supremo, despois das demandas presentadas pola Federación de Asociacións de Veciños, que presidía.
A súa, salientan as nacionalistas, foi unha loita polo símbolo máis básico da democracia, o asociacionismo veciñal e a participación da cidadanía na xestión municipal. O BNG expón na iniciativa que, lamentabelmente, o seu traballo teimudo en defensa da legalidade e dos intereses dos veciños non tivo o recoñecemento axeitado en vida.