O BNG leva a Pleno a moción "Galiza pola República e polo dereito a decidir"
A Coruña, 6 de xuño de 2014- O Grupo Municipal do BNG levará ao Pleno do vindeiro luns a moción Galiza pola República e polo dereito a decidir, iniciativa na que reclama que o Concello da Coruña declare que a monarquía é un réxime incompatíbel co sistema democrático, por ser un réxime vitalicio e hereditario estabelecido pola graza de deus e que supuxo, no caso español, a continuidade co franquismo, dado que aquí tamén foi pola graza de Franco.
Tamén pide o Bloque na moción que seguindo o espírito e tradicións republicanas da cidade da Coruña o Concello considere que a mellor maneira de organizar a cousa pública é a república, dado o seu carácter radicalmente democrático e antagónico respecto da monarquía.
A continuación, as nacionalistas emprazan o Pleno da Corporación a apelar que o carácter plurinacional do Estado español exixe que as nacións sen estado como Galiza, Catalunya e Euskal Herria teñan dereito a decidir e a exercer a súa soberanía. Ademais, instan o Concello a demandar inicio dun proceso constituínte republicano onde as nacións e a súa cidadanía sexan o referente político, para garantir o dereito de autodeterminación dos pobos que conforman o Estado español recoñecendo o noso dereito a decidir, dado que o debate entre república e monarquía será estéril para Galiza se o Estado español segue a ser centralista e non recoñece o poder de decisión e soberanía de Galiza.
A resolución da iniciativa remata co chamamento a todas as galegas e os galegos a traballarmos na consecución dunha república, que en Galiza deberá ser unha república galega.
O BNG chama a cidadanía concentrarse mañá sábado ás 19h no Obelisco contra a monarquía española e a prol dunha república galega
Pola outra banda, o BNG da comarca da Coruña participará na concentración de mañá ás 19h no Obelisco e chama a cidadanía a facer o propio contra a monarquía española e a prol dunha república galega.