O BNG pídelle ao Goberno que cubra o posto de traballadora social no centro de saúde mental infantil
A Coruña, 16 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar un rogo co fin de que o Goberno do Sr. Negreira acometa os trámites oportunos para cubrir na maior brevidade posíbel o posto de traballadora social no Centro Municipal de Saúde Mental Infantil para garantir a prestación do servizo. E é que o Bloque tivo coñecemento da inminente marcha da traballadora social a outro posto laboral no departamento de Servizos Sociais.
O BNG sinala que a función da traballadora social é fundamental para a intervención, seguimento comunitario e derivación das persoas pacientes en coordinación e colaboración cos servizos sociais de base do propio Concello. O feito de que o Goberno municipal do PP non tivese previsto cubrir, de inmediato, o posto provocaría o desmantelamento dun servizo público que presta atención a nenos e a nenas da cidade e da comarca con distintas problemáticas no ámbito da saúde mental.
As nacionalistas poñen de manifesto que o Concello e o Sergas teñen concertado o Centro Municipal de Saúde Mental Infantil, ao igual que o Centro de Orientación Familiar, en que convive persoal das dúas administracións. En concreto, na unidade situada no centro cívico de Eirís, o persoal municipal consta dunha psicóloga clínica e dunha traballadora social, amais de persoal administrativo. Neste contexto, o BNG salienta que se o Concello quere seguir mantendo o concerto e non lle esixe á Xunta a asunción desta competencia, tería que manter o persoal municipal desta unidade de saúde mental infanto-xuvenial para garantir o servizo que presta.
Sen previsión legal dos postos de traballo dos Servizos Sociais
Pola outra banda, o BNG lembra que o Concello leva desde 2003 sen prever, de xeito legal, os postos de traballo dos Servizos Sociais.