O BNG pide que a Xunta a salde a débeda coa comunidade veciñal dun edificio de Novo Mesoiro
A Coruña, 21 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha moción sobre o edificio da rúa Ribeira Sacra números 15-17-19-21. Este edificio está composto por 160 vivendas das cales 30 son de titularidade privada, 30 de titularidade municipal e o resto, en torno a 100 vivendas, de titularidade da Xunta de Galiza, que adebeda 24.000 euros en cotas da comunidade e que non cumpre as súas obrigas de propietario.
O Bloque, a través desta iniciativa, pídelle ao Pleno instar a Xunta de Galiza a aboar, de inmediato, as cotas que adebeda nesa comunidade de veciñanza e que cumpra as súas responsabilidades adquiridas coma propietaria, nomeadamente a participación nas xuntas de comunidade, para dar resposta o que alí teña lugar, ademais do mantemento, coidado e vixilancia do edificio.
O BNG tamén reclama emprazar a Xunta de Galiza a cumprir e a facerlles cumprir ás persoas arrendatarias as obrigas básicas de uso e conservación das vivendas, os seus anexos e os elementos comúns do inmóbel, evitando danos ou deterioracións graves no edificio.
Ademais, as nacionalistas reclaman na moción que o Concello da Coruña se comprometa a rehabilitar, no prazo de seis meses, o resto de baixos deste edificio e a que os dote dun mínimo de equipamento, co fin de que se poidan empregar para un uso dotacional do barrio de Novo Mesoiro nun futuro. Na medida en que é copropietario de 30 vivendas, o BNG empraza o Concello que cumpra coas responsabilidades adquiridas, nomeadamente a participación nas xuntas de comunidades de veciñanza que se convoquen. A moción tamén reclama instar a Correos a adecuar o locais cedido na Xunta de Goberno Local de 24.07.2013 para a instalación das oficinas nos baixos deste edificio.
O BNG denuncia un grave desleixo do Goberno de Feijóo e o abandono do Goberno do Sr. Negreira
O Grupo Municipal do BNG acusa a Xunta de Galiza dun grave desleixo que provoca que a principal propietaria non participe nas constantes derramas de cotas, que só recaen nas 30 familias propietarias. Ademais, este absentismo do Goberno galego orixina que estas 30 familias teñan pendente a continuidade do aseguramento do edificio (as compañías non confían da capacidade de cobertura e sustentabilidade dos seguros). As nacionalistas sinalan que a veciñanza mantivo unha reunión coa xefatura provincial do IGVS hai xa seis meses e exixíuselle o cumprimento das responsabilidades da Xunta de Galiza. Porén, o Goberno galego nada fixo.
O BNG tamén culpa de abandono o Goberno do Sr. Negreira, na medida en que os baixos pertencentes a estes portais son de titularidade municipal e na actualidade o acceso aos mesmos é libre pois as portas están forzadas ou mesmo rebentadas. Expón o BNG que estes locais están sendo utilizados como entullos, con toda clase de obxectos no seu interior, e representan un perigo potencial para a saúde pública.