O BNG pide unha rúa para Marcelino Liste
A Coruña, 20 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar un rogo co fin de que o Goberno do Sr. Negreira proceda por iniciativa propia, segundo o Regulamento para a concesión de honras e distincións do Concello da Coruña, ao outorgamento dunha rúa a Marcelino Liste e que se conceda pola Corporación, previo consenso de todos os grupos municipais.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o nome de Marcelino Liste está unido inseparabelmente ao movemento veciñal da nosa cidade. Explica o BNG que coa honestidade e a coherencia como alicerces do seu actuar, foi un home entregado aos demais, que nunca renunciou aos seus principios e cuxa actividade foi moi significativa desde os derradeiros anos do franquismo.
As nacionalistas danlle conta ao alcalde do traballo de Marcelino Liste a prol dunha cidade máis habitábel e humana, denunciando as ilegalidades urbanísticas e a especulación ante os tribunais de xustiza e conseguindo sentenzas favorábeis do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e do Tribunal Supremo despois das demandas presentadas pola Federación de Asociacións de Veciños, que presidía.
O Bloque sinala que a súa foi unha loita polo símbolo máis básico da democracia, o asociacionismo veciñal e a participación da cidadanía na xestión municipal. As nacionalistas engaden que, lamentabelmente, o seu traballo teimudo en defensa da legalidade e dos intereses dos veciños e veciñas non tivo o recoñecemento axeitado en vida. De aí que insistan na necesidade de que o Concello da Coruña lle dedique unha rúa.