O BNG alerta de que a lei do aborto do PP pon en risco a vida das mulleres
A Coruña, 20 de decembro de 2013.- O BNG da Coruña pon de manifesto que a lei do aborto do Partido Popular, cuxo antepro foi aprobado esta mañá no Consello de Ministros, porá en risco a vida das mulleres. E é que esta lei suporá que volvamos 30 anos atrás, á época dos perigosos abortos clandestinos. De aí que o Bloque insista en esixir un aborto libre, de balde e no sistema sanitario público galego. Así, o BNG reivindica que se garantan os dereitos das mulleres e que se libremente deciden abortar poidan facelo en condicións dignas e cunhas garantías sanitarias óptimas.
A responsábel comarcal de Acción Feminista do BNG, Vitoria Louro, sinala que o BNG busca lograr o dereito das mulleres a habitar os nosos corpos sen que ninguén, máis alá de nós, nos diga como facelo. Nesta liña, expresa a total oposición das nacionalistas á esta modificación lexislativa impulsada polo PP e avalada con entusiasmo pola Conferencia Episcopal.
Vitoria Louro salienta que o anteproxecto de lei aprobado hoxe responde a posicións ideolóxicas da dereita máis reaccionaria e acusa os Goberno municipais do PP da nosa comarca de seren cómplices desta reforma ideolóxica e moral do aborto. Foron moitas as veces que levamos aos Plenos das Corporacións de toda a comarca mocións en defensa do aborto libre e de balde, iniciativas que foron fulminadas polo Partido Popular, lembra.
O BNG participa na concentración da Plataforma galega polo dereito ao aborto, que terá lugar ás 19h no Obelisco
Vitoria Louro manifesta o apoio e a participación do BNG na concentración convocada para hoxe, ás 19h, no Obelisco, pola Plataforma galega polo dereito ao aborto, plataforma da que forma parte o BNG.