O BNG pide nunha moción rexeitar a sanción ao bombeiro do despe
A Coruña, 10 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG presentou unha moción para debater na sesión plenaria de mañá, xoves, en que pide rexeitar a proposta de sanción realizada pola Subdelegación do Goberno da Coruña contra o bombeiro que se negou a actuar no acto de desafiuzamento de Aurelia Rei, co suposto argumento de que a súa actitude alterou a orde pública.
As nacionalistas tamén reclaman nesta moción o total apoio e solidariedade do Pleno da Corporación Municipal con este empregado público e que asuma como propia a súa actuación e o máis absoluto rexeitamento contra a actitude do subdelegado do Goberno que, mediante unha esaxeración do feito de exhibir un papel, constrúe unha sanción totalmente innecesaria, desmedida e inxusta, que pretende acabar coa liberdade de expresión a base de multas máis propias doutros tempos.
Moción tombada polo PP para que os bombeiros non intervisen nos desafiuzamentos e nos embargos
O Grupo Municipal do BNG xa presentara no Pleno de marzo unha moción, tombada polo Partido Popular, para que o servizo de extinción de incendios e salvamentos do Concello non intervise nin en embargos nin en desafiuzamentos. E é que no manual de funcións da Relación de Postos ed Traballo (RPT) non só non contempla como tarefa propia do corpo de bombeiros a de franquear o acceso nos desafiuzamentos senón que se fai mención expresa a que as urxencias que se atendan non poden ter a condición de urxencias policiais.