O BNG pide nunha moción que os orzamentos do Estado consignen 5 millóns para a ría do Burgo
A Coruña, 4 de outubro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG presentou na mañá de hoxe unha moción para o seu debate na sesión plenaria deste luns para reclamar a inclusión dunha partida nos orzamentos xerais do Estado para o 2015 dunha partida para o saneamento, recuperación e rexeneración da ría do Burgo, un sector estratéxico da cidade e da comarca no que cómpre investir para facer del motor de reactivación económica e de creación de emprego. Dado que o desemprego sobe só o mes pasado incrementouse en máis de 200 persoas- e seguirá a subir, as nacionalistas emprazan o Goberno central a dotar a ría do Burgo dunha partida de 5 millóns de euros co fin de crear emprego na cidade e na comarca. Para que a consignación non fique en papel mollado, tamén o instan a acordar un calendario de actuacións, mediante prazos reais a través do BOE e o DOG- para o inicio do Plano de rexeneración da ría, así como o seu dragado, tratamento, limpeza de lodos e todas as actuacións para o seu saneamento integral.
Ademais, nesta moción, o Grupo Municipal do BNG tamén solicita do Goberno galego e dos concellos da comarca da Coruña unha actuación conxunta para lle reclamar ao Goberno central a corrección das deficiencias dos orzamentos xerais para 2015 e que urxan a desenvolver todas as actuacións precisas para a rexeneración e recuperación integral da ría do Burgo.
O BNG denuncia o nulo interese do Goberno central e a renuncia do Partido Popular a apostar polo potencial da ría como motor de reactivación económica
Na exposición de motivos, as nacionalistas advirten de que os orzamentos xerais do Estado para o 2015 non consignaron, máis unha vez, nin unha soa partida para o saneamento, recuperación e rexeneración da Ría do Burgo, mostrando así o nulo interese do Goberno central e a renuncia do Partido Popular a apostar polo potencial da ría como motor de reactivación económica e de creación de postos de traballo na nosa cidade e na nosa comarca. Así, sinalan que a decisión do Goberno de España de destinar 0 euros á ría do Burgo nos orzamentos para 2015 e seguintes confirma que todas as declaracións realizadas tanto polos responsábeis políticos das distintas administracións, entre elas as realizadas polo Goberno do Sr. Negreira, son un paripé e supoñen unha ofensa, un desprezo e o abandono do colectivo de mariscadoras. Como tamén foi un paripé, engaden, a moción aprobada en Pleno o 12 de setembro de 2011 sobre as inmediatas actuacións na ría do Burgo que non contemplaba nin prazos de execución, nin partidas orzamentarias para a rexeneración e recuperación da ría.
Ademais, a moción do Grupo Municipal do BNG salienta que a Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo e a veciñanza da comarca levan anos reivindicando solucións ante o grave deterioro da ría e das consecuencias negativas que ten no medio ambiente, na economía e no marisqueo. Os avances na recuperación medio ambiental, din, foron escasos e os episodios de contaminación das augas repítense con demasiada frecuencia, incumprindo as directivas europeas sobre o tratamento de augas residuais urbanas e sobre a calidade das augas exixidas para a cría de moluscos, sen que ningunha administración adopte medidas que freen o deterioramento.