O BNG pide no Parlamento o mantemento do emprego e a continuidade de Cerámicas do Castro

O BNG pide no Parlamento o mantemento do emprego e a continuidade de Cerámicas do Castro

cerámicasA Coruña, 20 de novembro de 2013.- O Grupo Parlamentar do BNG vén de rexistrar unha batería de inciativas sobre a complicada situación económica de Cerámicas do Castro e de Sargadelos, que prevé despedir 27 dos 84 traballadoras e traballadores da planta de Sada e 41 dos 89, da planta de Cervo. Entre as iniciativas asinadas polas deputadas Montse Prado e Carme Adán e polo deputado Cosme Pombo, salienta unha proposición non de lei en que o BNG empraza a Xunta a desenvolver cantas xestións sexan necesarias para garantir o mantemento dos postos de traballo e a continuidade da empresa, da súa imaxe e da calidade da marca. Tamén lle pide ao Goberno galego que faga valer as axudas públicas concedidas ao grupo Sargadelos para garantir a súa continuidade e mais o mantemento do emprego.

As nacionalistas tamén presentaron unha pregunta oral para coñecer que actuacións ten previsto adoptar a Xunta de Galiza diante da situación de Cerámicas do Castro e de Sargadelos. A maiores, en preguntas para a resposta escrita, o BNG interésase, entre outras cuestións, polos 400.000 euros a fondo perdido entregados á empresa e polos 600.000 euros en empréstito participativo; polo cumprimento, por parte da empresa, do cambio de ERE de extinción polo ERE de redución de xornada; polos motivos que levan a que, despois da axuda pública, volvamos atoparnos cun novo ERE de extinción e polos controis exercidos pola Consellaría para verificar que a axuda económica concedida á empresa en 2010 foi realmente dedicada aos obxectivos comprometidos.

O grupo empresarial recibiu 1 millón de euros en axudas públicas e leva encadeados varios ERE desde 2009

Nas iniciativas, as deputadas do BNG advirten de que as traballadoras e traballadores da cerámica sufriron varios ERE encadeados desde 2009. Salientan, ademais, que as traballadoras e traballadores do grupo fixeron un durísimo esforzo para axudar a manter o futuro da empresa, unha empresa, engaden, que se converteu nun patrimonio común, nun referente do imaxinario colectivo e da identidade do país.

Lembra o BNG que en 2010 a Consellaría de Economía comprometeu unha axuda de 1 millón de euros para apoiar un plan do grupo empresarial que contemplaba que non se despediría persoal, dado que cambiaba o ERE de extinción por un de redución de xornada. Porén, a Dirección do grupo vén de presentar, neste mesmo mes de novembro, unha proposta para prescindir de 68 traballadoras e traballadores do total de 173 empregadas e empregados das plantas de Sada e mais de Cervo.

Neste contexto, Montse Prado, Carme Adán e Cosme Pombo indican que se ben é certo que se trata dunha empresa privada, tamén o é que se trata dun dos símbolos da nosa identidade cultural e subliñan que o Goberno galego non pode sentirse alleo nin pode ficar indiferente ante esta ameaza de destrución de postos de traballo e ante a falta de garantías para a continuidade da actividade.

O BNG pide no Parlamento o mantemento do emprego e a continuidade de Cerámicas do Castro