O BNG pide determinación: o San Xoán ten que ser festivo porque así o quere a xente
A Coruña, 22 de setembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG exíxelle determinación ao Goberno local. Así, sinalan as nacionalistas, o San Xoán, ten que ser festivo permanente porque así llo exixe a cidadanía e o alcalde ten que escoitar o clamor popular. E é que este ano, logo de que a Xunta decidiu que o 24 de xuño de 2014, que cadra en martes, non sexa festivo e sexa un día laborábel, o Goberno local ten que se posicionar.
O BNG reclámalle ao Goberno local unha solución permanente e non puntual ou circunstancial, tal e como defende a inmensa maioría das persoas que viven na Coruña e mesmo os sectores económicos da cidade, para que esta festa do solsticio de verán sexa festivo local xunto ao Martes de Entroido, festas ambas de carácter pagán, galego e de barrios que gozan dun altísimo nivel de implantación ao logo da Coruña.
O BNG leva presentando numerosas iniciativas, a última no pasado pleno de xullo a través dunha moción que o PP rexeitou debater, para que o 24 de xuño sexa festivo local permanente, xunto ao martes de Entroido, dado o enraizamento e a gran acollida que ten na nosa cidade o solsticio de verán, que se vén celebrando na cidade desde o pasado máis remoto.