O BNG insiste en que o Goberno local permita a música ambiental nos bares dentro dos límites
A Coruña, 22 de setembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lembra que no pleno do pasado mes de xullo presentou unha moción, a instancias dun grupo de hostaleiras e hostaleiros, para modificar a ordenanza medio ambiental reguladora da emisión e recepción de ruídos e vibracións e do exercicio das actividades sometidas á licenza para que os estabelecementos de hostelaría do grupo 1 puidesen contar con música ambiental dentro dos límites de ruídos e horarios, salvagardando, así, os dereitos da veciñanza. Esta non se puido debater pola voto en contra do Partido Popular.
As nacionalistas sinalan que a ordenanza municipal, obsoleta e desfasada no tempo , é unha rara avis, xa que na maior parte das cidades do Estado español e de Galiza se contempla a posibilidade da música ambiental.
O Grupo municipal do BNG leva presentando iniciativas na necesidade de modificar a ordenanza e adaptala á realidade da cidade, máxime cando a interpretación e a aplicación da normativa municipal dá pé a actuacións moi discrecionais que están a provocar a inseguridade de moitas hostaleiras e hostaleiros. Concretamente o Grupo Municipal do BNG presentou este ano, a parte da moción rexeitada polo PP, unha pregunta oral no mes de febreiro para coñecer se o Goberno do Sr. Negreira ía modificar a ordenanza para permitir a música ambiental e tornou a preguntar por escrito a finais de xullo.
As nacionalistas insisten en reclamarlle ao Goberno do Sr. Negreira, que recollía no seu programa electoral a modificación da ordenanza, que permita a música ambiental neste tipo de locais, sempre dentro dos límites de ruído e de horarios e preservando o os dereitos de intimidade e descanso da veciñanza, evitando deste xeito a inseguridade xurídica de moitas hostaleiras e hostaleiros que vén como nuns lugares se pode pór música ambiental e noutros non.