O BNG denuncia o desmantelamento do edificio da Xefatura Territorial de Sanidade
A Coruña, 6 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia, a través dunha iniciativa, o desmantelamento do edificio da Xefatura territorial de Sanidade, na rúa Gregorio Hernández. O predio da Xefatura, indican as nacionalistas nunha batería de preguntas para a resposta escrita rexistrada o 04.11.2013, está a baleirarse co traslado dunha boa parte dos servizos e persoal para outras dependencias administrativas do Sergas na cidade co suposto argumento do aforro.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno do Sr. Negreira se é coñecedor desta situación e se coñece as intencións e proxectos de futuro que ten a Xunta de Galiza respecto deste edificio. A maiores, o BNG presentou no Parlamento de Galiza unha batería de iniciativas para coñecer as intencións do Goberno galego con este edificio.