O BNG pedirá en Pleno que o trofeo Teresa Herrera incorpore no cartaz o fútbol feminino
A Coruña, 4 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG presentará en Pleno unha iniciativa para introducir as políticas de igualdade tamén no deporte. Así, as nacionalistas reclamarán, a través dun rogo, que o Concello da Coruña emprace o Deportivo a introducir no cartel do trofeo Teresa Herrera o fútbol feminino, que é o grande esquecido desta disciplina.
A iniciativa, elaborada a instancias da Asociación de Xogadoras de Fútbol, coa colaboración de Mudegá (Mulleres Deportistas Galegas), ten como obxectivo que o Concello da Coruña promova o medre do fútbol feminino nunha sociedade que segue a ser machista. O acceso da muller ao mundo do fútbol, advirten as nacionalistas, chegou tarde e está ateigado de de dificultades.
O avance en licenzas e clubs do fútbol feminino non se acompaña do recoñecemento social correspondente, de aí que o Grupo Municipal do BNG esixa o apoio e impulso do Concello e que o Goberno do Sr. Negreira adopte as medidas necesarias para promover, desde a Administración local, que o trofeo estival decano no Estado español incorpore o fútbol feminino.